ABANCA leva as vantaxes de negocio do Big Data ao comercio galego

xoves, 20 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Que facer se temos un comercio e queremos descubrir o que lle interesa de verdade aos nosos clientes e o que está a facer en competencia en materia de innovación? Pois, para comezar, hai un mundo tecnolóxico de datos e ferramentas de análise e comunicación ao noso dispor. Nesta liña insírese o novo servizo que vén de presentar ABANCA, o servizo Alavuelta descubre, destinado a incrementar o negocio dos comercios a través, precisamente, cos contidos xerados a cada intre pola comunidade de compradores e vendedores. O que se vén chamando Big Data pero aplicado ao comercio.
A idea da entidade financeira é axudar aos pequenos e medianos empresarios a “tomar as mellores decisións sobre como xerar oportunidades de negocio”, segundo explica Jorge Mahía, director de Márketing, Intelixencia e Dixital de ABANCA, que engade que o servizo é de balde e está xa a disposición dos comercios que conten cun TPV da entidade galega e mailo seu servizo de Banca Electrónica de Empresas.
A través de Alavuelta descubre os comercios accederán a información estatística sobre os seus clientes, as súas vendas e o seu negocio. Entre outras cousas, poderán coñecer a evolución das vendas con respecto ás da competencia ou saber o posto de facturación do comercio con respecto ao sector. Ademais, o dono do negocio disporá de información agrupada do sexo e a idade dos grupos de clientes que compran no comercio e poderá coñecer cando compran máis os clientes.
ABANCA tamén salienta outro tipo de coñecemento a disposición dos empresarios: a súa contorna de influencia. Ou sexa, en que códigos postais residen os clientes que mercan no seu establecemento, o que lles valería para achar as localizacións óptima para captar novos compradores e mantelos no tempo. “Tamén poderá saber o gasto medio dos seus clientes para poder deseñar e adecuar as súas ofertas en función do importe medio de compra”, engade a entidade galega.

PUBLICIDADE