A segunda WordCamp Pontevedra celebrará a universalidade e a accesibilidade de WordPress

luns, 16 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Estes 21 e 22 de setembro vaise falar no Campus de Pontevedra como acubillos web accesíbeis e dispoñíbeis para todo o mundo: de información universal e internautas universais e de como tirar abaixo atrancos entre uns e outros coa axuda do xestor WordPress. Todo isto vén a conto porque a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vai acoller nas devanditas xornadas a segunda edición da WordCamp Pontevedra, no que van participar arredor de trinta expertas e expertos en diferentes aspectos vinculados co desenvolvemento web. En total, haberá 28 coloquios. O evento (o único WordCamp da nosa terra) porá o foco no WordPress e nas súas posibilidades.
Organizado por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra, co apoio da organización internacional WordPress Foundation, o foro ampliou este ano a súa capacidade aos 275 asistentes. Así mesmo, ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a WordPress Foundation, resérvanse 55 entradas a un prezo reducido de 10 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria.
A WordCamp verase precedida, na xornada do venres 20, polo coloquio Emprende con WordPress, inserido na programación do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento que a Universidade promove, no marco do Campus Crea, entre o 19 e o 21 de setembro.
Xa o sábado, CCSS e da Comunicación acollerá ao longo da xornada unha serie de coloquios que, como explica Juan Hernando, presidente da comunidade WordPress Pontevedra, permitirán afondar de cheo neste xestor de contidos “tanto desde o prisma do usuario como do desenvolvemento”. Ao abeiro do congreso combinaranse unha serie de relatorios de 25 minutos cun bloque de charlas rápidas de 10 minutos, tanto de iniciación como de nivel medio e avanzado.
Nos coloquios tocaranse temas como a mercadotecnia en liña, a visualización en buscadores, a Internet das Cousas (IoT), a elaboración de blogs e podcasts, o comercio electrónico ou aspectos de deseño e lexislación.
Un total de 16 expertos e 14 expertas, profesionais especializados, foron seleccionados para dar forma ao programa deste evento. Entre eles figuran, entre outros, Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre WordPress máis visitado, e Ana Cirujano, únicos representantes españois na WordCamp Europe 2019, que o pasado mes de xuño reuniu máis de 3.000 persoas en Berlín. Un dos seus organizadores, José Ramón Padrón, participará no evento de Pontevedra, ao igual que o profesor da facultade Xabier Martínez Rolán.
O domingo 23 o evento completarase coa celebración do Día do Contribuídor, no que as e os participantes aprenderán a colaborar co proxecto de WordPress en labores de tradución, soporte, deseño, mercadotecnia ou desenvolvemento.

PUBLICIDADE