A rapazada de Galiciencia participou nun desafío centrado na ciberseguridade
venres, 15 de maio do 2026
A feira científica Galiciencia, organizada esta semana polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole coa protección tecnolóxica como temática principal, celebrou este xoves 14 de maio a final do desafío científico Atrévete coa ciberseguridade!, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online.
Ao longo deste tempo propúxoselles aos rapaces participantes explorar o mundo dixital para entender como funciona e así evitar posibles riscos. Tiveron que resolver enigmas, superar probas técnicas e tomar decisións clave para poder avanzar nos diferentes retos desta competición.
Sumáronse a esta aventura un total de 338 equipos, integrados por 873 rapaces e rapazas de 63 centros educativos diferentes. Os que conseguiron pasar os tres retos da fase online competiron este xoves 14 nunha final presencial. Os equipos finalistas embarcáronse nunha misión moi particular: facer fronte a unha plataforma infectada. O primeiro paso foi poder abrir unha caixa forte, que contiña unhas tarxetas que lles daban acceso aos ordenadores. Para conseguir liberar o dispositivo afectado, tiveron que pasar unha serie de desafíos: descifrar claves, recuperar arquivos… ata lograr neutralizar o ataque.
O gañador na categoría de Primaria foi o equipo Os Ciberguardias, formado por Bernal Vilela e Xabier Villar, do CEIP Bibei de Viana do Bolo (Ourense). Na categoría de primeiro a terceiro de Secundaria gañou o equipo VortexVirtual, integrado por Amelia Vázquez, Leire Sampedro e Alicia Ferreira, do Colexio Eduardo Pondal de Cangas (Pontevedra). E na categoría de cuarto de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron Tecnológicos, do que forman parte Iker Gómez, Iago Vidal e Alba Moimenta, do IES García Barros da Estrada (Pontevedra).
Entre as actividades que se están a desenvolver no marco da feira, o alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en varios obradoiros vencellados coa ciberseguridade. A través destas experiencias, búscase que a rapazada sexa consciente de que non son precisos grandes coñecementos técnicos nin contido sofisticado xerado por Intelixencia Artificial para que nos enganen, para que rouben os nosos datos ou suplanten a nosa identidade. Así, aprenderon a identificar riscos en Internet e nas redes sociais, a protexer a súa privacidade dixital e a recoñecer a desinformación e as noticias falsas.
Os participantes nestes obradoiros aprenderon ademais que o noso cerebro é vulnerable á tecnoloxía, a cal que evoluciona con gran rapidez, ata o punto de que dispositivos de decodificación avanzada conseguen hackear a intimidade do pensamento humano.
No espectáculo de ciencia amosouse como calquera persoa pode ser vítima dun ciberataque, independentemente do seu nivel de coñecemento tecnolóxico.
Na mañá deste 14 de maio celebrouse un novo espectáculo científico, que os centros educativos galegos puideron seguir tamén en liña. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos. Baixo o título Síntome seguro, transmitiuse como vivimos cunha falsa sensación de seguridade: “Pensamos que o mundo dixital é só unha extensión cómoda da vida diaria, cando en realidade está cheo de riscos que non se ven e que adoitan pasar desapercibidos”, sinalaron dende a Tecnópole.
Neste espectáculo amosouse como funcionan as ameazas máis habituais. Ademais, deixouse patente que calquera persoa pode verse afectada, con independencia do seu nivel de coñecemento tecnolóxico. A finalidade deste espectáculo científico é “fomentar unha actitude crítica e consciente, poñendo en valor a prudencia, a reflexión e os bos hábitos de uso nas contornas dixitais cotiás”, engadiu a Tecnópole.
