A oficina SmartPEME do Porriño mostrou os seus logros á presidenta da Deputación

venres, 2 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou onte as instalacións da oficina SmartPEME do Porriño, onde tivo ocasión de coñecer, de primeira man, o importante traballo despregado polo equipo técnico das dependencias, que lograron convertelas nun referente da formación TIC a nivel provincial e galego. Segundo salientou Silva, durante 2017 realizáronse nestas instalacións 378 asesoramentos, un 66% máis que en 2016, e impartíronse 80 obradoiros aos que asistiron 452 persoas, un 32% máis que o ano pasado. A presidenta estivo acompañada polo deputado de Innovación, Javier Dios, a alcaldesa do Porriño, Eva García, e dúas emprendedoras locais, Ángeles Paz e Jana Kadlecová, que recibiron asesoramento na oficina SmartPEME e fortaleceron, coa formación, cadansúas experiencias de éxito.
As instalacións prestan asesoramento nas comarcas de Vigo e do Baixo Miño, é, tal e como apuntou Silva, “O Porriño tiña que estar neste programa porque é un dos grandes centros de actividade económica da provincia”. Sobre o proxecto, Silva explicou que “queremos achegar as novas tecnoloxías a todos os emprendedores e emprendedoras da nosa provincia e ás pequenas e medias empresas, que son o 90% da actividade económica, para que teñan máis e mellores beneficios que acaben xerando riqueza e emprego”.
Como dixemos, durante a visita a presidenta provincial tivo ocasión de compartir impresións con Ángeles Paz e Jana Kadlecová, usuarias da oficina local de SmartPEME. Ángeles Paz, de Dronval, empresa centrada na mercadotecnia turística que presta servizos aéreos con drons para fotografía e vídeo, salientou a importancia dos obradoiros achegados polo programa da Deputación, obradoiros que lle facilitaron asesoramento dixital, planificación de estrutura e contidos do seu futuro sitio web, así como asesoramento para a súa posición no mercado e nos buscadores. Tamén lle ofreceu análise de redes sociais e Web para facer seguimento dos resultados e achegoulle ferramentas de deseño para optimizar a súa imaxe en liña.
Pola súa banda, Jana Kadlecová, da empresa East West Experience, centrada tamén na mercadotecnia turística (e en liñas de actividade como fornecer a restaurantes da posibilidade de promover os seus menús e ás persoas usuarias de localizar menús a prezo fixo en función do seu emprazamento xeográfico e preferencias gastronómicas), enxalzou as potencialidades de SmartPEME para superar atrancos en materia dixital, preparándoa para tirar o máximo proveito da Internet e as redes sociais. Segundo dixo, o programa da Deputación subministroulle asesoramento en mercadotecnia, información para optimizar a súa plataforma de Internet (realizada en Wordpress) e ferramentas de analítica web para facer seguimento dos resultados. Igualmente, proporcionoulle datos relativos a plataformas de construción de aplicacións móbiles para proxectos asociados á súa actividade, xeración de contidos a través do blog para a mellora da súa posición en buscadores e atracción do público obxectivo.
Carmela Silva resaltou que “destas reunións unha sempre sae con optimismo ao ver que hai moita xente con ideas creando negocios adaptados ás necesidades do século XXI”. Segundo dixo, “o noso programa permitiulles coñecer todas as ferramentas existentes nas TIC para responder as novas necesidades”.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME, programa da Deputación de Pontevedra, é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.