A nova edición da TechBusiness Week será completamente virtual

mércores, 11 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Presentación do foro fotografada por Santi Alvite

Se hai un tipo de evento que teña que acabar mesturándose coas redes mesmas é un evento TIC. En certa maneira, a evolución do foro galego TechBusiness Week (Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios) así o pon de manifesto: o tema dixital rematou por achegar (igualmente) forma dixital. Deste xeito o resumiu o reitor da Universidade de Santiago durante a presentación deste evento (a celebrar integramente de xeito virtual entre o 16 e o 19 de novembro): “Sería unha contradición que unha xuntanza TIC coma esta non espremera as posibilidades das propias TIC”.
O foro chega polo tanto á súa oitava edición de maneira renovada e cun salientable axuste conceptual e formal aos tempos que corren. Segundo apuntaron na presentación do evento o reitor (Senén Barro) e máis Marcelo Castelo (presidente da Fundación Sabiria, promotora do congreso), non é que o esixira unicamente a nova era dixital, senón tamén a nosa delicada situación nun planeta que esixe coidados. Así, a idea é que a Semana sirva tamén de exemplo a nivel de sostibilidade e de aforro, evitando, grazas ao seu formato virtual, o desprazamento dos asistentes.
O encontro está organizado polo Foro e-Gallaecia, entidade fundada pola Universidade de Santiago co obxectivo de desenvolver a Sociedade da Información.
Amais do devandito, outro dos grandes obxectivos do novo formato é facilitar ata onde sexa posible a asistencia. Desta maneira, empregaranse as máis avanzadas ferramentas de videocolaboración “que explotan de xeito intensivo as posibilidades das TIC”.
A organización do foro, que non descarta retomalo nun futuro na súa feitura presencial, terá catro bloques temáticos: Seguridade e Bases de Datos e Programación, Software Libre, Mobilidade e Telecomunicacións; e Management e Sociedade da Información. Polo que respecta a nomes concretos de asistentes, cómpre destacar a presenza de Javier Pedreira Wicho (editor de Microsiervos), Emilio Ontiveros (especialista en cuestións ligadas á Sociedade do Coñecemento), Miguel Ángel Amutio (responsable do esquema nacional de seguridade e interoperabilidade entre institucións liderado polo Ministerio de Administracións Públicas) ou Rafael Valcarce (presidente dunha das empresas máis representativas do eido estatal das telecomunicacións, a galega Arteixo Telecom).
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios foi presentada este mércores 11 no Colexio de San Xerome nun acto que contou coa participación dos devanditos Senén Barro e Marcelo Castelo e máis da secretaria xeral de Modernización da Xunta, Mar Pereira. Durante a súa intervención, Pereira salientou o valor da TechBusiness Week como unha das pezas fundamentais da promoción das novas tecnoloxías na nosa terra, tecnoloxías que ao seu xuízo son hoxe os aceleradores imprescindibles do cambio.