A multinacional Accenture aposta pola plataforma galega eHabilis, especializada no e-learning
martes, 24 de setembro do 2013
A empresa tecnolóxica galega Sdweb
Solucións Dixitais vén de darnos a coñecer un sistema de
aprendizaxe a distancia (e-learning) e xestión de coñecemento
na nube chamado eHabilis. Esta
solución, dispoñible xa hai uns 9 meses, acadou a día de hoxe os
40.000 usuarios internacionais, con presenza e implantación en oito
países, entre os que se atopan España, Reino Unido, México e
Colombia, entre outros. Pois ben, segundo engade Sdweb, a plataforma
eHabilis está a medrar de maneira axeitada a dar bos froitos, entre
eles unha nova versión con melloras a ter en moi en conta como un
deseño Web Responsive (adaptable
a cada contorna e
dispositivo), un
sistema para xestionar as competencias profesionais ou a posta a
disposición dos usuarios de servizos web de comunicación con
terceiras aplicacións, entre outros elementos novos. Pero hai máis
cousas que contar, como o feito de que Accenture
pechara un acordo para comercializar a plataforma de xestión de
coñecemento eHabilis entre a súa rede de clientes.
Segundo nos lembra a empresa galega, Accenture non
elixiu a solución de seu porque si, de feito é unha empresa moi
experimentada en tecnoloxía social corporativa e nas súas correntes
e tendencias actuais, de aí que albiscase na plataforma de orixe
galega un importante potencial de flexibilidade, personalización e
interacción na nube. Accenture, de feito, apostou por eHabilis como
a ferramenta para potenciar a comunicación interna e a formación
entre os empregados das organizacións. O acordo asinado abrangue un
plan de comercialización global. A sinatura do acordo, en palabras
de Antonio Carro, account manager de
eHabilis, “supón unha alianza que nos vai a permitir aumentar a
nosa presenza a nivel internacional e presentar eHabilis como
solución corporativa aplicada de maneira efectiva e integrada ás
necesidades comunicativas e formativas das organizacións”.
A solución eHabilis, informa Sdweb, é unha
solución unificada “que responde a tódalas necesidades de
comunicación e formación das organizacións, ademais dende o seu
lanzamento en 2012 experimentou un medre constante en cifras e
expansión internacional”. O éxito da iniciativa, engade a
empresa, radica en aplicar novas estratexias para xestionar o
coñecemento nas organizacións, incrementando a comunicación
entre os empregados e facilitando un sistema de formación
constante en calquera lugar e intre. Brais Martínez, responsable do
desenvolvemento funcional de eHabilis e doutor pola Universidade de
Barcelona en xestión do coñecemento 2.0 explícanos: “Entendemos
que as plataformas de e-learning achegan un valor a unha organización
potenciando a formación tradicional pero non profundan na
comunicación e xeración de coñecemento entre os propios
empregados que realmente son os grandes activos de
coñecemento dunha organización; ao mesmo tempo observabamos un
crecemento das redes sociais corporativas pero sen aplicar
metodoloxías e procesos para xestionar esa comunicación entre
empregados. De que serve un Facebook corporativo se os empregados
falan de temáticas alleas á organización e non é posible
xestionar e pór en valor o coñecemento achegado?”, pregúntase.
En base a isto, explica, eHabilis potencia ámbalas liñas, por unha
banda optimiza os procesos formativos e ao mesmo tempo incorpora
funcionalidades que permitan unha comunicación máis áxil e eficaz
entre diferentes profesionais.
Nova versión:
principais detalles
Como dixemos, eHabilis
vén de lanzar unha nova versión do seu produto, que
incorpora novas funcionalidades como a posibilidade de integrar
e desenvolver un plan de competencias profesionais; un novo
deseño gráfico baseado en Web Responsive considerando o novo
escenario multidispositivo actual (computador, tablet,
móbil) ou o acceso único e integrado a terceiros sistemas
corporativos a través de servizos Web. Ao mesmo tempo, eHabilis
mantén a súa oferta de produto e servizo adaptado ás
necesidades de calquera organización. Así, infórmanos Brais
Martínez, “dende a súa web corporativa calquera visitante pode
acceder directamente a un demo do produto e saber o prezo exacto da
implantación de eHabilis para a súa organización en función do
nivel de soporte técnico e funcional que desexe, número de
empregados e tempo de implantación”. Trátase polo tanto dun
servizo a medida de cada casuística que está en pleno funcionamento
ás dúas horas da súa contratación. César Martínez, product
manager de eHabilis, comenta que un dos aspectos que se botaba en
falta nos produtos de xestión da comunicación e formación é que
non se adaptan ás necesidades de cada organización. “Nós, pola
contra, ofrecemos un produto e servizo adaptado a cada casuística,
unha gran empresa, un departamento dunha administración pública,
unha franquía e as súas franquiciados, unha academia formativa,
etc”, explica.
