A galega Vandal.net anuncia máis novidades de participación para ós seus usuarios
mércores, 12 de marzo do 2008
A web galega Vandal, unha das máis visitadas a nivel estatal dentro do eido dos videoxogos, está a presentar estes días unha serie de novidades vinculadas ó deseño e á presentación de servizos e de contidos. Polo que respecta ó deseño, segundo nos informa o noso compañeiro Pablo Grandío (webmaster do dito sitio), a remodelación pasa por tres cuestións principais: 1º Nova feitura de toda a web (unificando a disposición de todas as páxinas e integrando o foro na navegación do sitio). 2 º Sistema de navegación de xogos intelixente (por xéneros, plataformas e letras, salientando os que son os produtos máis importantes). 3º Portada con reprodutor de vídeos integrado.
No que atinxe á comunidade, Vandal.net semella un pouco máis encamiñada a poñerlles as cousas ós internautas o máis doado posible e, tamén, a volvelos máis activos, subministrando e recollendo información.
Así, vense de estrear un sistema que permite meirande integración dos usuarios nas páxinas de xogos, unha ferramenta de puntuación de mensaxes do foro (cada mensaxe do foro estará aberto a ser valorado polos internautas) e un sistema de “amigos” que opera como rede social (os membros da comunidade poderán engadir a outros como “amigos” e intercambiar mensaxes privadas).
Asemade, e sen saírmonos do apartado “comunidade”, dicir tamén que Vandal permite xa o envío de mensaxes entre usuarios, sendo estes mesmos os que deciden ter esta posibilidade ou non.
