A galega Construdata21 lanza unha web para facilitar a busca de novos mercados das empresas

venres, 18 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Construdata21, empresa galega especializada nos servizos tecnolóxicos e innovadores para o sector da construción, está a presentar novidades no ámbito das posibilidades de internacionalización das nosas empresas. Máis polo miúdo, do que tratan estas novidades é de contribuír ao seu espallamento nos mercados exteriores, incrementando a súa competitividade e o seu potencial de medre. Os servizos postos en xogo por Construdata21 teñen ademais o especial valor de chegar nun intre delicado para as empresas do sector da construción, que precisa (sostén a firma TIC) de datos de valor para coller folgos alén das nosas fronteiras. Nesta liña de coller pulo é onde se insiren as ferramentas do portal propio que a empresa galega vén de pór en xogo, unha web con información de obras en todo o mundo e que dirixe tódolos seus elementos a facilitar “a aventura da internacionalización”.
En palabras dos responsables de Construdata21, do que fornece este portal é de “información de oportunidade e de contacto de obras emprazadas en España, Portugal e no resto do mundo, referidos a todo tipo de proxectos, públicos e privados, en calquera fase de execución, achegándose tamén a relación das principais empresas responsables”. O servizo, que se achega en castelán e portugués, permite sentar os alicerces de futuras alianzas e operacións conxuntas para que os provedores pequenos poidan tirar partido da experiencia das grandes compañías do devandito tecido produtivo.

PUBLICIDADE