A galega Aerocamaras xa formou máis de 4.000 alumnos en pilotaxe de drons

martes, 28 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Promoción de pilotos formados por Aerocamaras en Murcia

Aerocamaras, empresa galega especializada en desenvolvemento e servizos de drons (e en formación arredor dos drons), vén de realizar en Murcia o Curso Oficial de Piloto de Dron da dita Comunidade. Con esta acción de adestramento e capacitación, levada a cabo a pasada fin de semana, a firma ourensá sumou xa máis de 4.000 alumnos formados en case dúas ducias de localidades do territorio estatal.
Os pilotos adestrados en Murcia examináronse da parte teórica e práctica do curso, no que obtiveron o certificado oficial de AESA que lles permitirá actuar como operadores remoto ao mando de RPAS (Remotely Piloted Aircraft Systems), en voos con fins comerciais, profesionais, de lecer ou deportivos dentro do territorio español ou da Unión Europea.
Segundo lembrou a firma galega durante os adestramentos, salientando a importancia das oportunidades laborais que abren, “ser piloto de dron é considerada a profesión do futuro, e os estudos indican que evolucionará ata alcanzar todo os empregos que actualmente existen”, mesmo sentando os alicerces para o nacemento doutras profesións ao abeiro do desenvolvemento do sector.