A galega APDTIC comeza a súa actividade asesorando ás firmas tecnolóxicas en todo tipo de cuestións legais

luns, 4 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Este ano comezou a súa súa andaina a nova firma galega APDTIC, especializada no asesoramento a empresas do ámbito das novas tecnoloxías e do audiovisual e centrándose non só en achegar servizos ás firmas da nosa terra senón tamén a compañías estatais e mesmo latinoamericanas. APDTIC, cuxo ámbito de acción son polo tanto as novas ferramentas de comunicación dixital e o Dereito, ten o seu centro de operacións en Compostela. Por certo que o seu director executivo (CEO), André Castelo, estará este mércores nas Xornadas Acelérate da Cidade da Cultura de Santiago, que avanzamos hai uns días nos seus detalles dende Código Cero.
Segundo apuntan fontes da empresa a xeito de “previa” da súa presentación no Gaiás, “as novas tecnoloxías convertéronse en parte da nosa rutina diaria, cousas como o móbil, a tableta ou o computador portátil”. O uso cotián destes elementos, explican, implica unha serie de conceptos nos que “non sempre” reparamos como sería preciso. “Non somos conscientes de que cada aceno e cada movemento que realizamos a través de Internet”, engade APDTIC, “levan aparellados aspectos e consecuencias legais moi importantes, o que obriga ás empresas a cumprir determinadas normas, xa que, do contrario, poderían enfrontarse a sancións mesmo nalgún caso de elevada contía”.
Este é, precisamente, o punto no que vai desenvolver o seu labor APDTIC: asesorar ás empresas tecnolóxicas en todo tipo de cuestións legais. A intención é fornecer, dende Santiago, servizos a PEME e compañías TIC, “non só de Galicia e de toda España, senón tamén de Latinoamérica”. Segundo explica Castelo, este amplo radio de alcance é posible, xustamente, porque a través da web de seu a firma incorpora unha nova plataforma online onde os usuarios contarán cunha área privada para subir, descargar e asinar documentación “de xeito seguro e cómodo”.
Por certo que a empresa está integrada exclusivamente por profesionais do Dereito TIC e Audiovisual, formados especificamente neste eido, “cun nivel de especialización moi alto”. Os seus ámbitos temáticos de accións son variados: a protección de datos persoais e a privacidade en Internet; o comercio electrónico (e-commerce), a mercadotecnia dixital, os aspectos legais das páxinas web, a reputación en liña, o dereito ao esquecemento. Os profesionais de APDTIC tamén contan cunha ampla bagaxe de coñecementos en ámbitos como a imaxe corporativa ou a propiedade intelectual e industrial. “Unha das vantaxes do asesoramento de APDTIC”, explica Castelo, “é que pode acompañar desde os seus inicios ás empresas, para que, desde o principio, fagan todo do xeito legalmente correcto e así previr posibles conflitos”.
A contratación TIC e outros aspectos legais do sector audiovisual completan o catálogo de servizos desta empresa de profesionais do dereito tecnolóxico e audiovisual, que nace en Santiago da man do experto André Castelo, director executivo e fundador da compañía. Á fronte da sección latinoamericana da compañía está David Vergara, profesional formado tanto en Ecuador como en España.