A fundación galega EnergyLab impulsa unha web para promover a sustentabilidade na construción
xoves, 9 de febreiro do 2012
Unha parte do sector da construción, ante unha crise especialmente adversa para a súa actividade, está a procurar novos espazos de desenvolvemento e de actividade, ligados a cuestións como a eficacia, a sustentabilidade ou a rehabilitación. Asemade, hai unha viraxe cara aos contornos dixitais, tratando de sacarlles rendemento en materia de innovación. Un exemplo disto é o novo proxecto do centro tecnolóxico EnergyLab, que vén de pór en marcha, dende o CITEXVI de Vigo, a iniciativa eHabilita, co fin de reconverter o sector galego a golpe de novos xeitos de traballar que pasan, todos eles, polo sustentable. O proxecto eHabilita é un espazo dixital de traballo e divulgación, xa operativo, dende o que se lanzarán todo tipo de accións formativas en liña.
A súa razón de ser baséase no seguinte: a necesidade de transformar un dos sectores que máis castigado se viu polo parón produtivo, vÃtima dun proceso de destrución de emprego que roldou, na nosa terra, o 28,6%. O proxecto eHabilita levarase a cabo durante o ano 2012, e insÃrese na estratexia Empregaverde da Fundación Biodiversidade cofinanciada polo Fondo Social Europeo, ao 80%. Entre outras colaboracións, conta co apoio de Gas Natural Fenosa.
A idea, sinala o laboratorio EnergyLab, fundación galega sen arela de lucro, é chegar a máis de 2.000 profesionais do sector, achegándoos a todo tipo de actividades de balde, abertas para a participación dos que desenvolven o seu labor na nosa terra. O conxunto de accións artéllase en cursos presenciais en liña, obradoiros, publicacións e asesoramento telemático. Este programa formativo abrangue cuestións ligadas aos novos procesos de construción e á innovación aplicada á mesma, incidindo no sustentable e na eficacia enerxética. Como dixemos, eHablita.com incorpora a posta en marcha dunha plataforma de teleformación para poñer a disposición dos profesionais o material formativo que facilite o inicio dos cursos, o seu seguimento e a interacción cos profesores e co resto dos alumnos.
