A flor máis grande do mundo, mellor curta de animación nos Mestre Mateo

mércores, 16 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos cos Premios Mestre Mateo, entregados onte no Teatro Jofre de Ferrol, e toca falar agora da modalidade de Mellor Curtametraxe de Animación, onde se proclamou gañadora a peza A flor máis grande do mundo, de Continental e onde concorreron as seguintes obras: O bufón e a infanta (Dygra), Don Señor e o home do soño (Matriuska) e Man (de Audiovisual de Servizos Kairós).
A flor máis grande do mundo, de Juan Pablo Etcheberry, ten unha duración de 10 minutos e está baseada no conto para nenos do mesmo nome que escribiu o portugués José Saramago. Ademais, foi feita en boa medida empregando tecnoloxías 3D.
A flor máis grande do mundo, a máis votada
A peza gañadora nos Mestre Mateo dentro da súa categoría. Trátase dunha obra de 10 minutos baseada no conto para nenos do mesmo nome que escribiu o portugués José Saramago e feita en boa medida empregando tecnoloxías de 3D. O argumento desta peza, dirixida por Juan Pablo Etcheberry, é o seguinte: Saramago, presenza activa no relato e na curta, pede desculpas por non ter a habilidade precisa para escribir un conto para nenos, polo que convida ó lector/espectador a que o faga el/ela mesmo/a e coas súas propias verbas. O relato, finalmente, ten como protagonista a un neno de sete anos que unha tarde de verán anímase a investigar o miúdo (vala a redundancia) polo miúdo: o espazo que rodea a súa casa a cinco minutos de distancia. Para A flor máis grande do mundo empregouse unha mestura de animación tradicional (foto a foto) co emprego de tecnoloxías dixitais de postprodución e composición. A curtametraxe, producida por Continental, está na súa web a disposición dos internautas que queiran vela.
O bufón e a Infanta: abrindo o Festival de Málaga
Dygra concorreu nesta categoría de Mellor Curtametraxe de Ficción con O bufón e a Infanta, un traballo nomeado nos Goya e no Festival de Málaga que tira partido do máis anovador en materia de novas tecnoloxías ó servizo da animación. A curta, dirixida polo galego Juan Galiñanes (que ten activo un blog do máis recomendable), foi proxectada no dito certame andaluz o venres 4 de abril e volveu a exhibirse os días 6 e 7 e dentro do apartado ZonaZine.
Dygra espertou en Málaga a mesma expectación ca nos moitos festivais e certames nos que leva competido, incluídos os Premios Goya e a Semana Internacional de Cine Fantástico de Málaga, onde foi nomeada como mellor curta de animación e obtivo o Premio do Xurado Xoven á Mellor Curta Española, respectivamente.
O argumento da curta apóiase en boa medida no xogo das aparencias e dos xuízos preconcibidos que nos adoitan a levar ó engano. Máis polo miúdo, na peza nárrasenos como o bufón anano Francisco de Lezcano lle acaba por amosar á Infanta Margarita (do cadro As Meninas de Velázquez) como debaixo da súa aparente fealdade se agocha unha realidade inesperada para ela.
Don Señor e o home do soño, unha obra de evasión
Don Señor e o home do soño é unha obra escrita e dirixida por Juan Ignacio Abia e que contou con Daniel Froiz en labores de produción, amais da firma galega Matriuska. O argumento desta curta de tres minutos (que contou con 74.690 euros de orzamento) é o seguinte: Don Señor é un home tímido que vive recluído por vontade propia nunha habitación da que sae só para pasear ó seu can e pouco maís. No sitio onde vive –de moi reducidas dimensións- e onde vai deixando pasar horas, tira proveito do maxín para inventar mundos e para fuxir da realidade adversa que o rodea, até que un personaxe que comeza a repetirse por sistema nos seus pensamentos, o home do soño, axúdalle a repropoñerse certas cousas.
Man, homenaxe ó alemán de Camelle
Man é unha obra de Juan Carlos Abraldes e Luís Faraón que homenaxea ó artista alemán de Camelle do mesmo nome, falecido en plena crise da marea negra do Prestige. Man, de nome real Manfred Gnädinger, convertiuse no símbolo de como un estilo de vida (o do ser humano que considera que o mundo e os seus recursos están á súa libre disposición) pode estragar complemente outro, o das persoas que viven ceibes e sinten respecto pola terra que os sostén. A curta de Abraldes e Faraón, que foi proxectada na parroquia mesma de Camelle a finais do ano pasado nun acto de recoñecemento ó labor do artista, foi realizada con técnicas de animación en 3D. A peza, producida por Ficción Produccións e con música de Manuel Riveiro (Catoira), foi presentada nunha chea de festivais de cinema (como por exemplo no de Ourense, no de Bradford, Inglaterra ou no de Arnedo, La Rioja), onde espertou o interese do público pola figura de Man, artista de gran valor que viviu de costas a calquera tipo de concorrencia nas canles habituais de autopromoción. Na peza de Abraldes e Faraón podemos velo de novo, en tres dimensións, amais das súas esculturas e o seu xeito de vivir, a piques de verse asolagado pola carga do Prestige.

PUBLICIDADE