A RTP experimenta coas microseries en formato vertical

xoves, 21 de maio do 2026 Marcus Fernández

O fenómeno dos microdramas, cápsulas de vídeo vertical de curta duración narrando historias de ficción intensas para captar a atención do espectador móbil, estaba moi ligado a certos mercados asiáticos e pouco a pouco vaise occidentalizando.
Un dos exemplos máis recentes que temos foi o de Disney+, experimentando co formato, pero temos experimentos moito máis preto, cun resultado bastante prometedor. Falamos do caso da televisión pública portuguesa, que en marzo lanzou varias destas microproducións en Instagram, Facebook, TikTok, YouTube e RTP Play, no que consideran todo un éxito, xa que en menos de dous meses superaron os 17 millóns de visualizacións.
As Micro Séries producidas por SPi para a RTP abordan xéneros moi distintos, dende a comedia ata o drama, o que permite explorar este formato para saber o que está a funcionar mellor. Deste xeito podemos atopar Sabores de Amor, cun ton lixeiro e romántico, mentres que Além do Silêncio céntrase nunha narrativa dramática e emocional.
Estas producións en formato vertical con subtítulos divídense en 20 episodios de menos de 2 minutos conseguen demostrar que a ficción pode atopar o seu lugar nas plataformas dixitais menos proclives aos formatos de longa duración.
A grande incógnita é se realmente ten sentido que a televisión pública (ou de balde en xeral) aposte por este formato, xa que noutros mercados o que perseguen é captar subscricións de pagamento (xa que nas plataformas sociais non conseguen un retorno do investimento ao non existir un modelo publicitario sustentable para as producións de ficción).

Sabores de Amor é unha das micro series da RTP