A feira innovadora Pont-Up Store vaise de xira pola Coruña, Lugo, Santiago e Ourense

luns, 25 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Pont-Up Store, a feira de emprendemento innovador de Pontevedra, inicia esta semana unha xira de presentacións da súa quinta edición polas principais cidades galegas. Máis polo miúdo, por Coruña, Lugo, Santiago e Ourense, onde dará a coñecer o programa do evento, os requisitos e modalidades de participación e as oportunidades que ofrece a través das experiencias de empendedoras e emprendedores participantes en anteriores edicións. Pont-Up Store, como lembraremos, celebrase na cidade do Lérez (praza de España) os días 20, 21 e 22 de setembro.
En cada unha destas sesións informativas que comezan esta semana, o director do encontro Pedro Figueroa, irá na compaña das persoas responsábeis de entidades patrocinadoras e das/os representantes de distintos emprendementos participantes en anteriores edicións (integrantes da Comunidade Up!, un grupo de traballo que se foi construíndo ao longo das catro edicións previas co obxectivo de tecer redes e explorar sinerxias).
O percorrido comezará mañá na Coruña, cunha presentación ás 19:30 na sala de prensa de Afundación (R/ Estrela 21-22). Acompañarán a Pedro Figueroa responsables de ABANCA e R e tamén representantes de empresas coruñesas que participaron en anteriores edicións do encontro: Xosé Rodríguez González de DogoPlay; Martín Castón de InnovadHoc; e Paula Patiño de A Castrexa.
O día 27, Pont-Up Store presentarase en Lugo ás 19:30 no espazo La Ferretería (R/San Froilán 11) coa presenza de tres emprendementos da Comunidade Up!: Alejandra Iglesias e Rebeca López de Mi madre no me de deja;; Miriam Basanta Hermida do Atelier de Yaiza Wedding Planner & Designer; e Alejandro Feijóo Iglesias de Biorganización.
O xoves 28 a feira visitará a capital galega. Alí, a presentación desenvolverase no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago coa participación da súa responsábel, Rosa Cadeso e de Belén Mendoza, coordinadora do Programa Erasmus Young Entrepreneurs, unha iniciatuva promovida pola Cámara de Comercio de Santiago que leva xa dúas edicións tendo presenza no Pont-Up Store e fornecendo de frutíferos intercambios europeos para as emprendedoras e emprendedores galegos. Contarase, na cita compostelá, coa participación de Neukos, representado por Marcos Alonso; 7H, representado por Clara Rodríguez Cordeiro; e Tamara Rodríguez de In&S Comunicación.
A xira rematará o segunda feira seguinte, 2 de xullo, en Ourense, cunha presentación ás 12:00 no salón de graos do Edificio de Facultades do Campus de Ourense (Edificio de Ferro, Rúa Doutor Temes Fernández) onde Pedro Figueroa estará acompañado unha persoa responsable da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e por representantes da comunidade: Martiño Xosé Vázquez de Xeitura; Nuria Sotelo de Profocus; e Eva González de Veigas do Sabugueiro.
Máis datos dunha edición especialmente TIC
Segundo se fixo saber na recente presentación da Pont-Up Store, o programa deste ano estará moi centrado no pulo das competencias dixitais. Tanto é así, tanto por temáticas a tratar, como por presenza de empresas TIC (maior ca outros anos). Ademais, a feira mostrará arredor de 50 novos emprendementos, “unha mostra do talento transformador do país, concentrado principalmente no eixe atlántico pero que cada vez máis chega tamén das pequenas vilas”.
Para quen non o saiba, Pont-Up Store vén da man do Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal e doutros 11 patrocinadores entre os que se atopa tamén a Deputación de Pontevedra, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas.
O programa deste ano estará especialmente enfocado ao desenvolvemento de competencias dixitais a través de propostas e formatos que van ter como fío condutor a tecnoloxía e a aprendizaxe. A do 20 de setembro será unha xornada adicada á formación con conferencias, encontros, charlas, obradoiros, experiencias de internacionalización e presentacións de iniciativas de economía social. Ao abeiro desta programación celebrarase unha sesión centrada nos videoxogos como “oportunidade de emprendemento” na que participarán empresas punteiras pontevedresas.
As xornadas do 21 e o 22 a actividade principal xirará en torno á carpa instalada na Praza de España para mostrar os mellores emprendementos galegos tanto nos stands coma no espazo central, onde as iniciativas de mercado seleccionadas polo comité desenvolverán actividades demostrativas. Amais, volverase contar tamén cun laboratorio creativo de fabricación dixital e impresión 3D, onde haberá exposicións, demostracións e sesións de iniciación en continuo “cun especial protagonismo da fabricación dixital enfocada ao mundo da música”.
Coma na anterior edición, celebraranse varios encontros anuais de entidades do ecosistema emprendedor, como o Meetup de Wordpress, a Asociación Española de Mentoring (AMCES) e a xuntanza anual de AJE Galicia (que incluirá unha mesa redonda cos presidentes das 6 “AJE” de Galicia).

PUBLICIDADE