A española Optenet únese á IWF na loita contra os abusos a nenos en Internet
mércores, 24 de setembro do 2008
Optenet, compañía española do eido da seguridade en liña, vén de unir forzas coa organización británica Internet Watch Foundation (IWF) para loitar contra o racismo e o abuso sexual infantil na Rede. Segundo a acordo asinado os días pasados por ámbalas partes, a empresa concorrerá coa súa tecnoloxía de filtrado de contidos na Rede (contribuíndo a localizar e suprimir datos ilegais), achegando a IWF a súa experiencia de anos traballando coas autoridades e provedores de telecomunicacións (do Reino Unido, da Unión Europea e dos Estados Unidos) na persecución das devanditas actividades de ciberdelincuencia.
Sinalar que a Internet Watch Foundation (Fundación de Vixilancia en Internet) é un organismo de tipo consultivo xurdido ao abeiro do Goberno británico que integra arestora a 80 membros e desenvolve o seu labor de procura de contidos ilegais, complementándoo co fomento de boas prácticas na Rede que os preveñan.
Optenet, que traballa nunha liña semellante e (tamén) loitando contra a fenda dixital en España, asume este compromiso coa devandita organización como un paso crucial a prol da protección dos internautas e da Rede mesma: “A comunidade tecnolóxica comparte a responsabilidade de velar pola Rede para todos os usuarios”, comenta nun comunicado Ana Luisa Rotta, directora de Proxectos Europeos de empresa española.
