A edición 18.4 dos Amigus Labs xuntou argalleiros no lago das Pontes

martes, 31 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente desenvolveuse os días pasados (26 e 27 de xullo) a edición 18.4 dos obradoiros Amigus Labs, organizados pola Asociación Amigus e Merca nas Pontes. Foron, en palabras dos impulsores da cita, dúas xornadas intensas para compartir coñecemento sobre software e hardware libre, modelado e impresión 3D, electrónica e robótica, arte e deseño. Unha vez máis participaron argalleiros de todas as idades, facendo propostas tecnolóxicas e levándoas ata a súa materialización real.
A actividade, desenvolvida no Lar das Pontes e máis no lago da vila coruñesa, estivo na arte e na creación dixital: desta volta traballando novamente en prototipos xa previamente perfilados, montando un sistema de intelixencia artificial nun barco solar ou experimentando con sensores de telemetría conectados por ESP8266.
Durante o encontro maker houbo tempo de abondo para demostrar novamente a capacidade de cada quen para dar forma a enxeños innovadores, sexan cales sexan os nosos coñecementos e adestramentos.
Desta maneira, tirouse o máximo proveito da impresora 3D (materializando dende deseños propias a recursos en libraría pública), do barco solar (ao que se lle aplicou un equipo baseado en Raspberry Zero Ardupilot para a navegación autónoma no propio lago das Pontes) ou dos Garabullos (robots baseados nos Escornabots, para cuxo desenvolvemento -que resultou ser perfecto e plenamente operativo- analizáronse polo miúdo materiais e compoñentes, así como as distintas fases do deseño, o prototipado e a construción, así como a programación do Arduino Nano).