A defensa do noso bosque autóctono xa ten web de seu e vídeo divulgativo

martes, 6 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O noso bosque autóctono, tan en risco por múltiples razóns pero principalmente polos intereses postos na proliferación do eucalipto, xa ten unha nova web para valelo. Trátase da páxina ilpbosques.ga, posta en marcha polos impulsores da mobilización social en defensa do bosque galego e en contra dos lumes forestais que asolan todos os anos os nosos montes. Detrás desta mobilización atópanse os colectivos Cousa de Raíces e a Alianza por un Rural Galego Vigo, que son as entidades promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na Defensa do Bosque Autóctono.
A nova web, creada especificamente para impulsar e acubillar esta ILP do Bosque ante o público en xeral, compleméntase cun vídeo de dous minutos no que se resumen os principais contidos da dita iniciativa, os obxectivos e os porqués de facermos fronte común arredor dela.
A finalidade, segundo explican as dúas entidades, é que este material se distribúa polas redes sociais, páxinas web e a través dos dispositivos móbiles da comunidade galega de internautas.
Entre os contidos da nova web figuran o texto completo da proposta lexislativa, os lugares onde asinar ou os próximos eventos relacionados coa ILP. Desde esta web tamén se poderán descargar os cartaces modelo por parte daquelas persoas ou entidades que estean a colaborar na difusión da iniciativa. Ao mesmo tempo, tamén se fornece ao usuario/a dun formulario desde o que poderá solicitar o envío de pregos para a recollida de sinaturas de apoio á ILP.

PUBLICIDADE