A combinación da CNN e Facebook foi todo un éxito na toma de posesión de Obama

mércores, 21 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O chateo baseado en Facebook á vez que se seguía o vídeo en directo da CNN foi todo un éxito

A CNN fixo unha cobertura moi especial da toma de posesión de Barack H. Obama, non só na televisión, senón tamén na Rede, onde combinou a súa emisión de vídeo en directo (que bateu todo un record con 21,3 millóns de streams fronte á súa marca anterior de 5,3 millóns, aínda que o máximo de conexións simultáneas foi de 1,3 millóns) coa tecnoloxía Facebook Connect, que permite integrar funcións da rede social Facebook noutros espazos virtual, o que permitía que os usuarios desta plataforma puideran facer comentarios durante o seguimento do evento, á vez que lían os comentarios dos seus amigos.
Os datos sobre o éxito en liña deste evento son impresionantes, e a web de CNN entregou uns 136 millóns de páxinas, á vez que os seus usuarios fixeron unhas 600.000 actualizacións en Facebook dende CNN.com.

O evento tamén se podía seguir dende o iPhone, chegando a congregar a milleiros de usuarios simultáneos

Non é de estrañar que algúns xa vexan a mestura entre as emisións en vivo e as redes sociais coma o futuro da televisión, pois a solución adoptada pola CNN pode lembrar ao usuario a experiencia de ver a televisión en grupo fisicamente, e podería sentar un claro precedente, pois outras plataformas de vídeo en directo tamén permite chatear, pero con Facebook Connect se achega un nivel de personalización decisivo para o éxito deste xeito de ver a televisión ao máis puro estilo da Web 2.0.
O vento tamén se puido seguir en directo a través de moitas outras solucións tecnolóxicas baseadas na Internet (como a aplicación Ustream para o iPhone) pero ningunha igualou o éxito da CNN, que desta volva conseguiu trunfar cunha entrega de vídeo máis estable e con maior calidade que moitos dos seus competidores, que presentaban erros de conexión ou imaxes conxeladas, aínda que plataformas de vídeo coma Hulu ou MSNBC foron capaces de estar á altura do evento.