A baixada de prezo da PlayStation TV dispara o seu atractivo

luns, 30 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O pasado outono Sony trouxo a España o seu dispositivo PlayStation TV, que vén a ser unha especie de consola PS Vita que se conecta directamente ao televisor e que se controla cun mando de PS3 ou PS4, de xeito que sería como unha versión doméstica da consola portátil de Sony, resultando interesante por abrir tamén o acceso aos contidos en liña da compañía, que van dende o material audiovisual até os xogos na nube, resultando a versión máis económica que agora aínda o é máis pois, aínda que nos últimos meses custaba 99,99 euros, nos últimos días pode atoparse por menos de 60 euros.
Polo momento o prezo oficial da PlayStation TV non mudou no territorio español, pero en tendas como Amazon, GAME ou Fnac pode atoparse por entre 53 e 59,99 euros, o que é unha barreira de entrada moi baixa para un trebello que está a adoptar usos bastante distintos dos iniciais. Así, aínda que até o momento se entendía que a PlayStation TV era un xeito de gozar dos xogos de PS Vita no televisor, o feito de que o catálogo de xogos de PS Vita estea moi maltratado fai que os usos alternativos gañen peso, e agora a PlayStation TV está a promocionarse como un xeito de poder gozar dos xogos de PS4 en remoto, xa que é unha das súas novas prestacións: podemos ter unha consola PlayStation 4 nun curruncho do fogar e, se o televisor á que está conectada vai empregarse para outros usuario, poderiamos trasladarnos a outro televisor no que teñamos unha PlayStation TV par continuar a nosa partida. Unha curiosa funcionalidade que parecía anecdótica até agora que este curioso trebello baixa de prezo, converténdose en moito máis que unha PS Vita doméstica.
Ao parecer este cambio de prezo está a ter unha repercusión radical nun produto que parece abandonado, e no Reino Unido en Amazon rexistraron un incremento das vendas da PlayStation TV do 1.272% en 24 horas tras a rebaixa a case a metade do seu prezo inicial.

PUBLICIDADE