A Universidade de Vigo impulsa un proxecto para favorecer o reemprego dos refugallos tecnolóxicos
luns, 30 de xullo do 2012
O mundo rico desbota o seu lixo electrónico a
costa do mundo pobre, e mentres os consumidores ollamos cara a outra parte. A
xogada que lle facemos a África é dupla: por unha banda facemos todo o posible
porque quede fóra do desenvolvemento e, pola outra, empregámola como balde de
refugallos. Ademais, os residuos que quedan aquí tampouco son xestionados da mellor maneira. Cal sería o principio da solución disto? Para
a Universidade de Vigo e os responsables do proxecto ECORAEE, unha boa parte do
problema comezaría a amañarse con máis reutlización. Así de simple.
E isto valería tanto para os refugallos eléctricos
como para os electrónicos. O que nos ocupa, a fin de contas, é o 4% do lixo que
se xera en Europa, só en España, entre 100.000 e 160.000 toneladas de
refugallos. Os riscos desta inxente cantidade de material obsoleto son ben
grandes, sobre todo se temos en conta que a maior parte do tratamento que se
ten aplicado, constatouse, non foi nin é o máis axeitado.
Dun tempo a esta parte comeza a impoñerse o
senso común, aínda que tarde, e apóstase cada vez máis por darlle novas vidas
aos aparellos dende as autoridades da Unión Europea, unha medida que reduciría
custes e pegada ambiental e mesmo xeraría nova riqueza. A segunda vida dos
aparellos, precisamente, é o lema de ECORAEE, un proxecto que vén da man de
cinco departamentos da Universidade de Vigo, unidos co obxectivo común de
favorecer metodolóxicas lóxicas e intelixentes para o tratamento de refugallos
electrónicos. O proxecto, impulsado tamén pola empresa Revertia e o centro
Enerylab, foi recoñecido recentemente pola Unión Europea dentro do programa
LIFE+ 2012, apoio que lle vai servir para a obtención de 600.000 euros, o 50%
do total de 1,2 millóns de euros aos que ascende o seu orzamento total.
O consorcio ECORAEE uniuse para demostrar que
a reutilización si é unha vía económica, técnica e ambientalmente viable para
resolver o problema destes residuos, “de
tal modo que os problemas de eficacia e eficiencia identificados na aplicación
da anterior Directiva non se volvan producir, polo que se refire a este ámbito
da reutilización”, explicou o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento,
José Antonio Vilán na presentación de ECORAEE, un proxecto que segundo o reitor,
Salustiano Mato, amosa “a capacidade de
penetración da institución nos caladoiros financeiros europeos, algo que é
posible utilizando a masa crítica da que dispoñemos”.
ECORAEE permitirá, entre outras cousas,
informar dun proceso industrial de reutilización co fin de clarificar e amosar
polo miúdo a súa viabilidade técnica e económica, poñéndoo a disposición das
administracións públicas encargadas de establecer estándares regulamentarios e
medidas para favorecer a súa posta en marcha. Os departamentos de Dereito
Público, representado po Roberto Bustillo; Economía Aplicada e grupo REDE, a
través da participación de Miguel Rodríguez; Enxeñaría Informática,
representado por Javier Rodeiro; Enxeñaría Eléctrica representado por José
Cidrás e de Enxeñaría Mecánica, polo propio José Antonio Vilán, participarán no
proxecto no que tamén estará presente a Oficina de Medio Ambiente da
Universidade de Vigo, a través de Benedicto Soto.
ECORAEE encamíñase a afondar no coñecemento do
esixido nas normativas sobre o tratamento do dito lixo e identificar puntos de indefinición
para propor novos estándares e regulación ao lexislador europeo. Establecer un
método de cálculo único sobre a análise do ciclo de vida dos refugallos;
definir estándares regulamentarios ou deseñar un balance económico do proceso de
recuperación para o reemprego e comparativa coa reciclaxe, son outros dos
resultados que se pretende acadar co proxecto.
