A Rede galega amosa a súa fonda preocupación perante o peche de Galicia Hoxe
martes, 28 de xuño do 2011
Hoxe é un mal día para o galego. Un dos peores
posíbeis. A desaparición recente de Vieiros e da edición en papel de A Nosa
Terra cómpre engadir, agora, a caída do único xornal publicado enteiramente na
nosa lingua: Galicia Hoxe. A triste nova, que xa
anunciamos onte en Código Cero, colleunos a moitos coa garda baixa. É inevitábel
pensar que as cousas non poden empeorar, pero si. Moita xente pensará que a fin
de Galicia Hoxe en papel (non así na Rede, onde semella que seguirá activo,
coma A Nosa Terra) non ten tanta importancia, que é un proceso natural das
cousas do libre mercado. Pero coidado, non semella moi natural que non podamos
gabarnos como pobo de ter, como mínimo, unha publicación diaria en galego. As
mostras de preocupación na Rede polo peche e polo despedimento dos dezanove
xornalistas e filólogos que traballaban na redacción non se fixeron agardar.
Para comezar, dende a propia sede de Galicia
Hoxe, integrada no Grupo Correo Gallego, que hoxe
abre a portada da súa web cunha despedida e cunha explicación dos motivos
que levaron a esta situación, motivos que segundo apuntan os responsábeis do
medio teñen que ver co “radical recorte
das axudas institucionais, que converten en inviábel o proxecto do único xornal
en galego”. Con todo, e tal e como dixemos, os sinais de preocupación non
proveñen só da redacción de Galicia Hoxe, senón que son unha tónica común da Rede
galega por enteiro. Por sinalar uns cantos exemplos, dende a web do Consello da
Cultura Galega fálasenos das circunstancias tan negativas polas que está a
pasar a prensa en galego, facéndose fincapé a situación crítica que supón para
o noso pobo non contar coa presenza dun medio como o devandito, que ademais de
terse esforzado pola promoción e normalización do idioma, desenvolvía un gran
traballo dende o punto de vista puramente informativo. En termos semellantes móvense
as novas e as editoriais publicadas hoxe por A Nosa Terra, un medio que xa pasou hai
uns meses polo mesmo triste proceso e que, con todo, segue a resistir na
Internet, oxalá que con vistas a regresar aos quioscos.
As voces de malestar co peche de Galicia Hoxe
non veñen só de medios dixitais, senón tamén de asociacións profesionais como o
Sindicato de Xornalistas,
que pide medidas institucionais de apoio ante a preocupante situación na que
estamos a vivir con medio centenar de xornalistas de medios en galego arestora
sen traballo logo do peche dos seus respectivos medios. En termos semellantes exprésanse
a Asociación de Xornalistas de
Santiago de Santiago de Compostela, que lamenta fondamente a desaparición
do xornal Galicia Hoxe e da perda de 19 postos de traballo, circunstancia que
frustra, unha vez máis, “os intentos
positivos para a pervivencia do xornalismo en xeral e do xornalismo en galego
en particular”. E continúa: “A Asociación de Periodistas de Santiago de
Compostela quere amosar a súa solidariedade con tódolos xornalistas e
traballadores do Galicia Hoxe, que nestes momentos se ven abocados a una
difícil situación, por este motivo, a APSC solicita que a empresa lles facilite
solucións alternativas”.
Nesta liña tamén se move o Colexio Profesional
de Xornalistas de Galicia (CPXG), que se laia do peche da versión en papel do
medio galego, “que deixará de estar nos nosos quioscos como consecuencia,
sinalan na súa propia web, da crise económica e radical recorte das axudas
institucionais".
Ademais, o CPXG manifesta a súa profunda
preocupación polo despedimento dos seus dezanove traballadores. Ao seu xuízo, a
desaparición do xornal en papel é unha mala nova para a profesión, pero tamén
para o conxunto da sociedade, que perde moito en pluralidade informativa e,
neste caso, un medio de referencia en galego. E continúa o Colexio na súa
páxina web: “A notificación de
despedimento para os 19 traballadores resulta especialmente preocupante e
lamentable, dado o feito de que desde xaneiro de 2011 aceptaron un ERE que xa
viña mirrando as súas horas de traballo e salario; o CPXG quere, neste sentido,
facer un chamamento ás empresas para que se impliquen na defensa dos empregos
en condicións laborais dignas nunha situación de crise económica que está a
golpear ao sector xornalístico e con especial dureza aos periodistas”.
O cese da edición en papel de Galicia Hoxe foi
alén das páxinas estritamente dedicadas á defensa da profesión xornalística, de
feito chegou ás redes sociais 2.0, sendo o caso de Twitter un dos máis
salientábeis, onde a nova do peche chegou ser tema do intre (Trending Topic), polo que queda máis que
manifesta a repercusión que está a ter este triste acontecemento na Internet.
Especialmente crítica con esta situación tan
negativa para a comunicación en galego é a páxina de Galicia
Confidencial, onde se sinala que coa perda de Galicia Hoxe a nosa terra
perde, e moito, en diversidade informativa, quedando as canles de comunicación
que teñen certa envergadura en mans dun “cuasimonopolio
da prensa de dereitas”.
A nova tamén está a ter repercusión política,
xa que o
BNG emitiu dende o seu sitio en liña un comunicado no que se fala de “empobrecemento ca calidade da democracia”
e se lle pide ao Goberno galego que contribúa a poñerlle freo a este proceso.
Para quen queira albiscar nos motivos que
levaron a Galicia Hoxe a esta situación, Xornal.com publica este martes unha completa
entrevista con Caetano Díaz, director do medio de comunicación, xusto hoxe
mergullado na súa xornada máis triste, ás portas do peche aínda que coa
satisfacción, que non lle pode quitar ninguén, de ter feito o mellor dos
traballos posíbeis, a prol do xornalismo, da nosa cultura e do noso pobo por enteiro.
Derradeiro número de Galicia Hoxe