A RAG homenaxea a Begoña Caamaño cuns minivídeos sobre os “lugares” da escritora viguesa
venres, 22 de maio do 2026
O Seminario de Onomástica da Real Academia propón un percorrido vital e literario por lugares senlleiros da vida e da obra de Begoña Caamaño (escritora viguesa homenaxeada nesta edición do Día das Letras Galegas). Faino coa nova tempada da súa serie de minivídeos divulgativos, baixo o epígrafe Da parroquia de Lavadores e o barrio do Calvario a Esmelle e Miranda.
As catro pezas de homenaxe á autora a que a institución lle dedica as Letras Galegas 2026 afondan na orixe e no significado de dous nomes de lugar da infancia da escritora e xornalista viguesa e máis no escenario definitivo da súa novela Morgana en Esmelle.
Na primeira parada en Vigo d’O Seminario de Onomástica responde, o académico de número Gonzalo Navaza explica dende o barrio onde Begoña Caamaño naceu en 1964 de onde procede o seu nome, O Calvario.
Gonzalo Navaza visita ademais a contorna da igrexa de Santa Cristina de Lavadores para explicar a historia destoutro topónimo transparente que designou un dos concellos do Val de Fragoso que acabaron sendo absorbidos por Vigo, neste caso no ano 1941.
A parroquia ferrolá de Esmelle é outra das paraxes d’O Seminario de Onomástica responde. Iván Méndez achega a información coñecida sobre este nome que Cunqueiro adoptou para situar o mentor do rei Artur na súa novela Merlín e familia, á que Begoña Caamaño homenaxea en Morgana en Esmelle (2012).
A simbólica casa de Miranda á que acode Morgana á procura de respostas sobre o seu destino, rodeada da selva de Esmelle, debe o seu nome a outro topónimo que Begoña Caamaño tomou prestado de Cunqueiro, un nome ben produtivo que o fabulador adoptou dunha Terra de Miranda medieval situada na provincia de Lugo.
