A OCDE louva o labor do Plan Avanza
mércores, 18 de novembro do 2009
O Plan Avanza semella estar facendo honra ao seu nome e, malia as críticas recibidas (algunhas delas ben xustificadas, sobre todo porque aínda lle queda moito que avanzar no noso rural, levando redes e informando ben delas, ou favorecendo un uso real do eDNI), atesourar corda para un bo anaco de tempo. O máis recente pulo a este programa gobernamental encamiñado a reducir fendas dixitais (entre outros obxectivos) no social e no empresarial vén da man da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (a OCDE), que no seu informe sobre o Plan Avanza sinala importantes logros no acceso da cidadanía e do tecido produtivo ás novas tecnoloxías da información.
O estudo, que se está a avanzar nos seus puntos principais dentro do Foro FICOD, farase público en xuño de 2010.
Nel, entre outras cuestións, saliéntase cómo “nun período relativamente curto de tempo o Plan foi quen de crear un alicerce sólido de políticas e liñas de acción para o desenvolvemento da Sociedade da Información en España”, informa o Ministerio de Industria.
Ademais, destácanse as achegas do programa á hora de fortalecer a toma de conciencia sobre a importancia das canles da información para o futuro de España. Máis en detalle, o informe sinala que o Plan Avanza ten mellorado o acceso TIC das (entre outras) seguintes maneiras:
· As redes de banda ampla e telefonía móbil cobren xa o 99% da poboación.
· O número de usuarios de Internet e máis do dobre ca en 2003.
· O 70% dos servizos públicos dixitais están dispoñibles en liña.
· Expedíronse máis de 13 millóns de DNIs Electrónicos.
· Máis de 6.500 centros sanitarios beneficiáronse do Programa Sanidade en Rede.
