A Lei de Mercados Dixitais designa as compañías que considera gardiás

mércores, 6 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos días sóubose das reticencias de Apple e Microsoft a someter todos os seus servizos á nova Lei de Mercados Dixitais (DMA), que hoxe mesmo designou os que considerará as empresas gardiás ou gatekeepers, que serán Alphabet, Amazon, Apple, ByteDance, Meta e Microsoft, pero matizaron os servizos que se someterán ao control, atendendo polo momento as esixencias de Apple e Microsoft.
A Comisión decidiu iniciar unha investigación para analizar se o servizo de Mensaxes de Apple, o buscador Bing, o navegador web Edge e a plataforma publicitaria de Microsoft teñen relevancia dabondo na Unión Europea como para ter que someterse á DMA, sendo bastante probable que dean a razón a Apple e Microsoft, xa que os seus servizos están moi lonxe dos de Meta e Google respectivamente.
A Comisión Europea considera que os servizos que pasarán a someterse á DMA serán as redes sociais TikTok, Facebook, Instagram e LinkedIn; os servizos de mensaxería WhatsApp e Messenger; a plataforma de vídeo YouTube; o buscador de Google; os navegadores web Chrome e Safari; as plataformas publicitarias de Google, Amazon e Meta; os sistemas operativos Android, iOS e Windows; e os servizos de intermediación Google Maps, Google Play, Google Shopping, Amazon Marketplace, App Store e Meta Marketplace.
As empresas teñen até marzo de 2024 para cumprir coa nova lexislación (prazo que sería máis amplo nos casos investigados actualmente), e de ignorar os mandatos da UE poderían recibir sancións de até o 10% da súa facturación anual, ou até o 20% no caso de reincidencia.

PUBLICIDADE