A Feuga ofrece 45 bolsas de formación para titulados das universidades galegas
mércores, 9 de xaneiro do 2008
Nunha entrevista recente con Javier López, director da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), puidemos lanzar ós mozos e mozas da nosa terra que están piques de obter a titulación de educación superior a seguinte mensaxe tranquilizadora: a dita entidade seguirá a tender pontes entre eles e as empresas, doadas de transitar e beneficiarias para uns e para outras. O caso é que temos cifras sobre a cantidade de bolsas de formación práctica (con estadías en empresas de entre dous meses ata un ano) que a Feuga vén de ofrecer para titulados nas tres universidades galegas.
Son un total de 45 bolsas que favorecerán especialmente ós seguintes eidos universitarios: Enxeñería Técnica en Electricidade, Electrónica e Mecánica (con dez bolsas) e, por outra banda, Administración e Dirección de Empresas (con nove).
Segundo informa a Fundación, as axudas están destinadas a diplomados, licenciados ou doutorados nos últimos tres anos en calquera dos campus universitarios galegos, “pudendo acceder tamén aqueles estudantes que teñan aprobadas tódalas materias dunha titulación que esixa a presentación do proxecto fin de carreira para a obtención do título”. O obxectivo desta iniciativa é (como dixemos) o de achegar valor e oportunidades a ámbalas dúas partes implicadas: por unha banda complétase a formación dos mozos e mozas coa experiencia laboral e, pola outra, achéganse ás empresas os coñecementos e o espírito innovadores dos futuros traballadores.
