A Coruña pon en marcha un software para mellorar a asistencia a domicilio

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña vén de estrear co cambio de ano un novo sistema informático para facilitar, automatizar, mellorar e facer máis eficiente o servizo de atención a domicilio. A ferramenta foi dada a coñecer onte nos seus detalles pola concelleira deXustiza Social e Coidados, Silvia Cameán e máis pola responsábel de Innovación, Claudia Delso, quen puxeron o foco no relevante número de destinatarios da atención ao fogar na Coruña, 1.500 persoas, e na significativa cifra de horas anuais de servizo: 400.000 horas anuais. A idea, sinalaron, era dispoñer de máis datos de valor e unha meirande coordinación entre as empresas implicadas no labor de asistencia e as persoas usuarias.
En termos concretos, estas poderán facer cousas como comprobar os detalles do programa de intervención no que participan, horarios ou outras cuestións do día a día. Amais, contarán cunha canle de comunicación directa cos propios servizos municipais de atención, sen ter que recorrer ás empresas como intermediadoras.
O novo sistema permite tamén as comunicacións en tempo real entre traballadores, traballadoras, empresas concesionarias e o Concello, “o que repercutirá nun maior control das incidencias que poida xurdir, dos horarios ou das rotacións do persoal”, sinalaron.
Tamén explicaron que a ferramenta está operativa dende hai un mes e coa posta en marcha deste software púxose fin ao traballo manual das tarefas relacionadas co servizo, dende o control até a instalación.
O programa tecnolóxico, que está financiado a cargos dos Investimentos Finaceiramente Sostibles e que ascende a 200.000 euros, “segue a liña marcada polo Goberno local de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas, para facilitar os procesos e facelos máis accesibles á cidadanía e mellorar os servizos públicos” explicaron.

PUBLICIDADE