A CiberIrmandade pídelle á Confederación de Empresarios de Pontevedra que galeguice a súa web
luns, 14 de xaneiro do 2008
A nosa capacidade de evolución mídese en boa medida polo atentos que esteamos á variedade. Así, canto máis monolingüe sexa a nosa comunicación dende o empresarial, máis estaremos a apostar polo inmobilismo, sendo (precisamente) o empresarial, un dos eidos máis necesitados de mobilidade. Segundo apunta estes días a CiberIrmandade da Fala na súa web, a presenza na Rede e -en última instancia- todo o labor comunicativo da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) é un exemplo de “ancoramento no pasado”.
O motivo? Ter rexeitado o emprego do galego, malia que a súa matriz, a Confederación de Empresarios de Galiza se declarase “en sintonía coa sensibilización lingüística presente na sociedade”, apostando dende hai tempo polo reto de normalizar o galego no eido corporativo.
Por esta razón e como vén sendo costume dende o inicio do seu labor a prol da nosa lingua en Internet, o colectivo desenvolve xa unha campaña para que a comunidade internauta colabore pedíndolle á CEP unha versión en galego.
