A CiberIrmandade lanza campaña en liña para garantir o futuro de Mancomún
martes, 14 de xullo do 2009
A CiberIrmandade da Fala vén de mover ficha unha vez máis a prol do galego na Rede, e máis polo miúdo a favor dun centro de desenvolvemento de software que podería non ter cabida na estratexia de promoción tecnolóxica da nova Xunta. Estamos a falar de Mancomún, plataforma posta en marcha pola anterior Consellería de Innovación e que, entre outros eidos, centra os seus esforzos en promover tres cuestións complementarias: coordinar aos grupos galegos de usuarios de programación aberta, reforzar a presenza da nosa lingua a través das novas tecnoloxías e poñer a disposición da comunidade en liña ferramentas libres de uso común, feitas aquí ou adaptadas ás necesidades de aquí. O caso é que a CiberIrmandade da Fala non considera que o novo Goberno autonómico vaia apostar por manter activo este importante centro de traballo, polo que vén de pór en marcha unha mobilización en liña para captar os apoios dos internautas.
O obxectivo da compaña: que a Xunta vexa alén do político e valore o traballo feito por un centro que a xuízo de moitos internautas (incluíndose este que escribe) pode achegar cuestións positivas para unha sociedade coma a nosa, sexa cal sexa o Goberno que estea ao mando ou a súa ideoloxía. “Todos os gobernos fan unhas cousas mellor e outras peor, o bipartito tivo os seus fallos mais unha das cousas boas que fixo foi a de lanzar o Centro de software libre Mancomún”, comenta a CiberIrmandade no comunicado que acompaña á súa campaña, e prosegue: “Durante os últimos anos Mancomún mantivo actualizados en galego os programas informáticos máis usados como o navegador Firefox ou a suite ofimática OpenOffice, amais de ter desenvolvido o sistema operativo Galinux”. Por este motivo, engaden, animan á comunidade internauta galega (sexa da postura ideolóxica que sexa) a amosar o seu apoio para que o Centro Mancomún siga a funcionar.
As persoas interesadas en facelo poden clicar nesta ligazón para enviarlle á Xunta un correo electrónico no que se lle convida de xeito respectuoso a apostar polo traballo xa feito.
