A Asociación de Internautas alerta dun intento de fraude en liña co reclamo do INE

luns, 29 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Internet non é que sexa o paraíso para os afeccionados ó fraude. En realidade, non é tarefa complicada andar cun pouco de tino e non deixarse engaiolar por estampiñas, propostas de axudas ou iniciativas empresariais, milagrosas pírulas para o sexo ou sistemas innovadores para alongar o pene. Como na vida real, hai que andar con tento. E coma na vida real, hai ocasións en que até nos pode chegar a sorprender a capacidade de inventiva dos ladroízos, que son quen de poñerse o disfraze máis inimaxinable co fin de saírse coa súa. Un exemplo disto é o intento de fraude colectivo que vén de denunciar a Asociación de Internautas na súa web, un claro caso de phishing pero, que en contra da norma que semella establecida, non provén dun suposto banco, senón do mesmísimo INE, o Instituto Nacional de Estatística. A chave do fraude é un e-mail enviado de xeito masivo no que o “falso INE” che convida a que lle achegues os teus datos persoais: o teu nome, o correo electrónico, os números de teléfonos e mesmo a entidade bancaria que empregas. Segundo Internautas.org, “este intento de roubo é moi perigoso”, xa que non existen moitos precedentes de phishing enviado dende unha suposta institución que depende do Goberno. No correo en cuestión pídesenos información persoal co fin de que cumplimentemos unha enquisa feita en todo o estado español co fin de valorar o nivel de satisfacción dos cidadáns coas entidades bancarias nas que teñen os seus cartos. O colectivo agradece ós usuarios da Internet españois a denuncia deste caso concreto de intento de fraude.

PUBLICIDADE