13 millóns de euros para impulsar en España a aula dixital
martes, 18 de xaneiro do 2011
Seguimos a falar de pulo á
dixitalización na ensinanza, pero desta volta atendendo ao que está a facer o
Goberno central. Segundo vén de informar o Ministerio
de Industria, este departamento e máis o de Educación asinaron estes días
un convenio de colaboración para impulsar o afianzamento das novas tecnoloxías
no sistema educativo español. O documento abrangue entre outras cousas o
desenvolvemento de actuacións ao abeiro do Programa Escuela 2.0, do que xurdiu
precisamente a iniciativa galega Proxecto ABALAR (coas súas características
propias de seu). Máis polo miúdo, o obxectivo deste acordo é favorecer a
colaboración na posta en marcha de proxectos comúns a tódalas Comunidades Autónomas
no eido dos contidos dixitais educativos, amais de no deseño de novos modelos
de negocio para pular o desenvolvemento da industria española tecnolóxico-educativa.
O convenio inclúe un investimento
de preto de 13 millóns de euros para un ano. Deste orzamento, sinala Industria,
8,3 millóns de euros vén da man deste Ministerio, a través da entidade pública
e empresarial Red.es, e 4,6 millóns proceden do Ministerio de Educación. “A participación das Comunidades artellarase
a través da sinatura dun convenio trilateral entre o propio Goberno autonómico
e os devanditos Ministerios”, engádese.
Por certo que entre as liñas de
actividade do convenio tamén se atopa o desenvolvemento do proxecto Agrega,
unha ferramenta ao servizo das TIC na aula que lles achega a tódolos implicados
(profesorado, alumnado e familias) un contorno común de intercambio de aplicacións
e contidos dixitais educativos. No caso galego, esta estratexia xa tería o seu
equivalente en EspazoABALAR,
un portal ao servizo de toda a comunidade educativa e que entre outras cousas
lles permite ás nais e aos pais facer un seguimento en liña das traxectorias
formativas dos seus fillos.
