Windows Phone 8 recibe a Waze no seu crecente catálogo de aplicacións

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Hoxe parece ser un grande día para os usuarios de Windows Phone 8 pois, non conformes con recibir a agardada aplicación oficial de Instagram, estrean tamén a ferramenta de navegación GPS social Waze, que é unha interesante aplicación con máis de 60 millóns de usuarios que unen as súas forzas para poder conducir dun xeito máis intelixente compartindo información sobre o estado do tráfico, o prezo do carburante, os accidentes e outros incidentes na estrada (como a situación de controis de Tráfico ou radares).
Waze é un bo navegador que para elixir a ruta máis axeitada aproveita os datos achegados polos seus usuarios, que tamén poden corrixir datos incorrectos nos mapas. Entre as súas funcionalidades tamén está a posibilidade de notificar a alguén a quen imos a recoller no coche sobre a nosa posición, de xeito que poderá saber en cada momento o que falta para a nosa chegada. Esta plataforma social tamén conta cun sistema de puntuación para valorar as contribucións dos usuarios. Cómpre destacar que o uso deste tipo de aplicacións afectan seriamente á autonomía do móbil.
Aínda que a aplicación de Waze mantén polo momento a súa independencia (os seus equipos traballan dende Israel), a compañía foi adquirida por Google por un valor de 1.000 millóns de dólares, o que polo momento concretouse na incorporación de datos de Waze nos sistemas de navegación de Google, descoñecéndose se Waze conseguirá manter a súa identidade a longo prazo.

PUBLICIDADE