Instagram estrea aplicación oficial para Windows Phone 8

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Durante o Nokia World de Abu Dhabi anticipouse que Windows Phone 8 ía dar un paso adiante para completar o seu catálogo de aplicacións, incorporando algunha das máis demandas polo público durante meses, e tras recibir Vine a semana pasada, temos hoxe a chegada da aplicación máis agardada para o sistema operativo móbil de Microsoft: Instagram.
A plataforma social móbil de Instagram conta con máis de 150 millóns de usuarios en todo o mundo, de aí que estivese moi demandada polos usuarios de Windows Phone, que xa contaban con ferramentas non oficiais para relacionarse con este servizo en liña como Instance ou 6tag, e que agora poden gozar con soporte oficial da compañía adquirida por Facebook o ano pasado.
Instagram para Windows Phone 8 aínda está en fase de probas, o que supón que pode amosar problemas de estabilidade, aínda que xa ten operativas parte das súas principais funcións, de xeito que facilita ver as fotografías publicadas polos nosos amigos, conta con numerosos filtros para personalizar as imaxes que queiramos compartir (incluíndo efectos de desenfoque lineal e radial por zonas), facilita compartir as imaxes noutras plataformas sociais (Facebook, Twitter, Flickr, Tumblr e Foursquare), pode acceder tanto á cámara traseira como á frontal do móbil e non ten límites ao número de subidas que pode facer un usuario. Polo momento non conta con soporte de vídeo.

PUBLICIDADE