Vodafone adapta a súa oferta ante a suba de prezo de Disney+

martes, 3 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Durante o mes de agosto Disney+ anunciou as súas novas tarifas, de xeito que o seu plan ordinario, con vídeo 4K e até 4 pantallas, converterase nun plan Premium que en vez de 8,99 euros/mes custará 11,99 euros/mes, mentres que polo prezo actual o usuario podería gozar só de vídeo Full HD e até 2 pantallas simultáneas, existindo tamén a posibilidade de pagar 5,99 euros/mes para contratar o plan estándar con anuncios.
Quedaba por saber o que acontecería cos subscritores que teñen Disney+ dentro dun paquete combinado no seu operador, como é o caso de moitos clientes de Vodafone, e dende o operador veñen de clarexar o asunto, e a partir do 1 de novembro os usuarios que estaban subscritos a Disney+ a través do seu contrato con Vodafone pasarán a ter o plan estándar, ou sexa, até 2 pantallas simultáneas en Full HD, ofrecendo a posibilidade de pasar ao plan Premium incrementando en 3 euros a súa cota mensual.
Con esta operación Vodafone evita subir o prezos dos seus contratos que inclúen subscricións de servizos como Prime Video, HBO Max e Disney+, aínda que degrada a subscrición de Disney+ agás que se indique o contrario.

PUBLICIDADE