Suits e Bluey foron as series máis vistas por streaming nos EE.UU.

martes, 30 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas que hai actualmente para a medición de audiencias en series de televisión e películas a través das plataformas de streaming é a falta de transparencia e de consenso sobre os criterios a tomar, pero para facernos unha boa idea do que foi o ano 2023 temos os datos que a consultora Nielsen vén de publicar relativos ao mercados do Estados Unidos.
A serie de maior éxito, superando todas as marcas anteriores, sería Suits, que aquí podemos ver a través de Netflix, e que acumulou 57,7 milleiros de millóns de horas de visualización en 2023, seguida pola serie de animación infantil Bluey (dispoñible a través de Disney+) con 43,9 milleiros de millóns, Navy: Investigación Criminal con 39,4 milleiros de millóns, Anatomía de Grey (que en España vemos a través de Disney+, aínda que nos EE.UU. está en Netflix) con 38,6 milleiros de millóns e Cocomelon (dispoñible en Netflix) con 36,3 milleiros de millóns.
Podemos considerar que, a críticas polas subas de prezos e medidas contras compartir contas, Netflix segue a arrasar en consumo de streaming. De feito, se miramos as 5 series orixinais máis vistas en streaming teríamos só a primeira correspondería a Apple TV+ (Ted Lasso) e o resto corresponderían a Netflix. De feito, aínda que o feito de que Ted Lasso ocupara 16,9 milleiros de millóns de horas de espectadores de streaming, conseguiu tal logro con 34 episodios no catálogo de Apple TV+, mentres que El Agente Nocturno de Netflix conseguiu 14,4 milleiros de millóns de horas con só 10 episodios. Semella que a aposta de Netflix polas series orixinais está a funcionar moi ben no que a números se refire (pois en prestixio segue a ter unha percepción de plataforma que non prima a calidade).
No entanto, se miramos cara ás longametraxes consumidas a través de streaming, non debería sorprender que as máis vistas fosen de animación para un público infantil, sendo as 5 primeiras Vaiana, Encanto, Super Mario Bros. La Película, Elemental e Minions: El origen de Gru. Nos EE.UU. as 10 películas que lideran o consumo en streaming están dispoñibles en Netflix e Disney+, confirmando a grande polarización que hai neste mercado, que non parece ter lugar para plataformas de tamaño medio.

PUBLICIDADE