Viber chega oficialmente a Android

mércores, 20 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Viber, a aplicación de VoIP que facilita a realización de chamadas e o envío de mensaxes de texto entre móbiles con iOS, chega agora oficialmente a os terminais con Android rematando o a súa fase de beta iniciada en maio e facilitando a comunicación de balde entre os seus máis de 12 millóns de usuarios activos valéndose dunha conexión Wi-Fi ou 3G. Actualmente Viber rexistra 11 millóns de minutos en chamadas cada día, dando fe da boa acollida que ten esta tecnoloxía que supón un importante aforro nas nosas comunicacións.
Dende a compañía aseguran que a demanda de Viber por parte de usuarios de Android era moi elevada, con máis de 50.000 participantes na súa fase de probas, facilitando o refinamento da aplicación para o seu lanzamento oficial, que inclúe moitas funcionalidades exclusivas como aparecer en pantalla completa ao recibir unha chamada, presentar unha fiestra emerxente ao recibir unha mensaxe de texto (evitando que sexa preciso abrir a aplicación para lela), grande integración co móbil e a posibilidade de facer que Viber sexa o marcador telefónico predeterminado.
Entre as grandes vantaxes de Viber está o feito de que sexa de balde, non inclúa publicidade, sexa multiplataforma (actualmente está dispoñible para iOS e Android, e agárdase unha versión para BlackBerry no futuro) e non precise de rexistros nin nomes de usuario para o seu funcionamento, xa que emprega os números telefónicos como identificadores.

PUBLICIDADE