Viber estrea versión de proba para Android

mércores, 4 de maio do 2011 Marcus Fernández

A aplicación para iPhone Viber, que permite facer chamadas de VoIP integrándose coa propia axenda de contactos do móbil, incorporou hai poucas semanas a posibilidade de remitir mensaxes de texto de balde entre usuarios desta ferramenta e agora, avanzando na ampliación do seu público potencial, vén de estrear versión de proba para móbiles Android.
Inicialmente repartiron 500 invitacións entre lectores do blog tecnolóxico TechCrunch, e agora convidan a inscribirse nunha rolda de correo para recibir actualizacións sobre Viber, a través da que van repartir invitacións para poder probar de xeito preferente esta aplicación que inicialmente está probada nos terminais Nexus One, HTC Desire, HTC vision, Motorola Milestone, Motorola MB525 e Samsung Galaxy S, polo que agárdase que o número de usuarios de Viber medre de xeito moi importante en poucos meses, pois a versión para iOS xa superou os 10 millóns de descargas.
Viber para Android conta con máis prestacións que a versión para iPhone, como a posibilidade de que ao recibir unha mensaxe de texto apareza unha xanela emerxente na que poderemos responder sen abrir a aplicación de Viber. A aplicación está especialmente integrada no teléfono, e os seus responsables xa teñen a vista posta nunha futura versión para terminais BlackBerry.


Adianto en vídeo da versión para Android de Viber

PUBLICIDADE