Un neocelandés deixa o seu traballo para capturar Pokémon
luns, 18 de xullo do 2016
Agora
que o xogo Pokémon GO está presente
en bastantes países (chegou
oficialmente o pasado venres a España), deixando claro que vai converterse
no fenómeno viral do verán, a poucos sorprenderá xa que poida aparecer nos
medios, xa que en pouco máis dunha semana son centos as anécdotas que se contan
ao redor desta aplicación móbil, pero unha iniciativa que pode parecernos
bastante orixinal é a de Tom Currie, un barista
neocelandés que decidiu deixar o seu traballo para dedicarse
a ser adestrador Pokémon a tempo completo durante 2 meses, que pretende
destinar a percorrer Nova Zelandia para facerse con todos os Pokémon.
Este habitante de Auckland de 24 anos xa realizou 20 viaxes en autobús por Nova
Zelandia e, en menos dunha semana, conseguiu visitar 6 illas do sur, capturando
Pokémon en cada parada e conseguindo xa a 90 das 151 criaturas que completan o
xogo.
Currie asegura que quere “ter unha aventura”, e tras 6 anos de traballo estaba “desesperado
por un descanso” e Pokémon deulle “a oportunidade de vivir un soño”. Aínda que
camiñar unha chea de quilómetros ao día resulta fatigoso, a experiencia parece
que está a compensarlle por abrirlle novas oportunidades e facilitarlle
descubrir moitos sitios. De feito, a súa viaxe está a captar bastante atención,
de xeito que varias compañías de transporte están a ofrecerse para achegalo ás
partes máis remotas do seu país. Combinar o turismo cunha afección que Currie
tiña de cativo parece ser toda unha ousadía que posiblemente vexamos replicada
en todo o mundo nas vindeiras semanas.
- En plataformas sociais como Instagram podemos seguir a actividade de Tom Currie