Os videoxogos de Fallout celebran a estrea da súa serie de televisión

xoves, 11 de abril do 2024 Marcus Fernández

A franquía de videoxogos de Fallout vai camiño de converterse nun fenómeno global tras a estrea da primeira tempada da súa adaptación televisiva en Prime Video, na que se narran historias ambientadas neste mundo post-apocalíptico anos despois do acontecido nos distintos videoxogos, e para contribuír a facer medrar a bóla de neve o mundo dos videoxogos non está impasible ante a súa vertente audiovisual.

Fallout 4 actualízase o 25 de abril

Por unha banda temos que Bethesda anuncia a actualización de balde de Fallout 4 para Xbox Series X|S e PlayStation 5, de xeito que o xogo contará con aplicacións nativas para as consolas de nova xeración nas que poderá escollerse entre gozar do xogo a até 60 imaxes por segundo ou por resolucións máis elevadas. O xogo tamén contará cunha actualización de balde para PC, que mellorará a súa estabilidade e ofrecerá compatibilidade con pantallas panorámicas e ultrapanorámicas.

Fallout en Prime Gaming

Dende Amazon tamén apostan por celebrar a estrea da serie de Prime Video no seu servizo Prime Gaming e, aparte de ofrecer o xogo Fallout 76 para Xbox e PC como parte dos xogos do servizo no mes de abril, tamén ofrecerá a través de Amazon Luna os xogos Fallout 3: Game of the Year Edition e Fallout: New Vegas, que grazas ao xogo en streaming poden así gozarse en ordenadores, televisores conectados e dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE