Sanidade aposta polo accesible no seu novo portal para promotores do SAGa

martes, 17 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

O compromiso pola accesibilidade non debe atinxir só ás barreiras físicas: a comunicación e o coñecemento, dereito de todas e todos, teñen que ser chairos e universais para que se poida falar plenamente de Sociedade da Información. No caso contrario, se proliferan os atrancos en liña, estaríase a perder a gran oportunidade do século: a oportunidade de facer que a Internet non sexa unha reprodución máis das eivas do sistema previo á Rede. Paseniño, a través desta web imos dando conta de pasos concretos dados no camiño da accesibilidade virtual, como por exemplo os anunciados hai pouco por RENFE ou o CERMI (denunciando a quen non cumpra uns criterios mínimos de universalidade), sendo nesta liña, aínda que a menor escala cuantitativa, onde se sitúa a nova proposta da Consellería de Sanidade: un novo portal web que poida ser usado plenamente por todas e por todos.
O espazo, que dá cobertura aos promotores do sistema SAGa (ferramenta de xestión integral da información do Sistema Acreditador da Formación Continuada das profesións sanitarias de Galicia), foi presentado hoxe mesmo nunha xornada presidida polo director xeral de Aseguramento da Consellería, Germán González Pazó.
Máis polo miúdo e segundo fontes deste departamento da Xunta, o novo portal xorde co obxectivo de ser accesible, útil e transparente, constituíndo o último dos treitos do desenvolvemento e implantación do dito SAGa: aquel dende que o que se informa e se forma sobre a ferram
enta. “Este portal”, sinala a Consellería, “permite o seguimento do estado de tramitación e situación do expediente dunha actividade por parte do provedor da mesma, e fará posible, dende a entrada en vigor da nova normativa do procedemento de acreditación, a comunicación telemática, con manexo integral da documentación en formato dixital durante todo o ciclo de acreditación”. Asemade, incorpora a vantaxe de permitir a recepción da documentación íntegra de todas as accións suxeitas a seren avaliadas en formato electrónico.

PUBLICIDADE