O CERMI denunciará ás webs que non cumpran os requisitos de accesibilidade esixidos

luns, 26 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) vén de anunciar que, dende agora, vai denunciar ás páxinas de Internet de entidades públicas que non sexan accesibles para persoas con discapacidade, no grao que esixe a lexislación vixente.
Segundo a mesma, dende o pasado día 1 de xaneiro de 2009, tódalas páxinas de Internet de entidades pertencentes ao sector público (estatal, autonómico e local) deben ser accesibles de acordo co grao medio de accesibilidade xeralmente aceptado. O incumprimento desta obriga de universabilidade constitúe unha infracción da Lei 49/2007, do 16 de decembro, pola que se establece o réxime de infraccións e sancións en materia de igualdade de oportunidades, non discriminación, e pode ser sancionado con multas de ata 90.000 euros.
O CERMI comprobará a accesibilidade das webs públicas máis relevantes e, en caso de que incumpran a normativa aplicable, serán denunciadas perante a Dirección Xeral de Discapacidade do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, órgano encargado de recibir as reclamacións e instruír o expediente sancionador.
Asemade, recibirá queixas de entidades e asociacións e canalizaraas ante a Administración competente en materia de infraccións e sancións.

PUBLICIDADE