RENFE presenta en Santiago a súa nova web e fai un chamamento a prol da accesibilidade

mércores, 21 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) celebrou hoxe en Santiago unha xuntanza empresario-institucional encamiñada a procurar máis compromiso na nosa terra a prol dun tipo abondo específico de universalización: a das ferramentas dixitais. O encontro, que terá continuidade os días 28 e 29 deste mes no mesmo emprazamento (o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia), serviu tamén para que entidades procedentes de toda España amosasen os seus casos de éxito en materia de accesibilidade na Web. Dito doutra maneira: para animar ás entidades galegas a traballar de xeito individual e conxunto na supresión de todos os atrancos da Rede que impiden a conexión plena dos colectivos con diversidade funcional. Entre as entidades asistentes puidemos atopar a RENFE, quen aproveitou a ocasión para dar a coñecer en primicia os detalles de forma e contido da súa nova web, a xuízo de María Eugenia Fernández (xefa de Sistemas de Colaboración e Comunicación da firma ferroviaria) unha das apostas máis decididas do panorama español en materia de accesibilidade.
A páxina, que estará operativa o mes que vén, significará entre outras cousas a equiparación definitiva de todos os cidadáns no que a igualdade de condicións perante os servizos en liña de RENFE atinxe. Isto, con independencia das diversidades funcionais do usuario, explicou a empresa.
Neste senso, a idea de RENFE, sinalou Eugenia Fernández, non consistiu unicamente en cumprir cos requirimentos da Lei de Medidas de Pulo á Sociedade da Información (que obriga ás institucións e ás empresas a cubrir uns parámetros mínimos de accesibilidade), senón en ir alén do que esixe a Lei.
A páxina, de especial relevancia nun ámbito estatal, o español, onde hai arredor de catro millóns de persoas con algún tipo de diversidade funcional (das que unhas 250.000 son galegas), significa a xuízo de RENFE unha aposta pola universalidade e a adaptabilidade en dous grandes niveis: o da forma (que é decote o prioritario neste tipo de labores) e o do fondo (que é o nivel que máis se soe deixar de lado). Ditou doutro xeito: ao longo dos meses de traballo empregados na liberación de atrancos do espazo web da empresa revisáronse disposicións, presentacións e soportes (suprimíronse unha chea de arquivos en pdf, multimedias, flash ou animacións), pero tamén semánticas e contidos, co fin de poñelos en orde e adaptalos á realidade actual. Un exemplo disto último foi a inclusión integral de todas as linguas oficiais no Estado español: “Para nós”, sinalou a xefa de Sistemas de Colaboración, “apostar pola realidade plurilingüe española e por extensión dos viaxeiros e usuarios españois foi tamén un labor de accesibilidade”.
A posta a punto da nova web, que contou coa colaboración e asesoramento de INTECO (órgano para o desenvolvemento das redes presente na xornada de AGESTIC), requiriu a participación de todo o persoal da empresa ferroviaria con relación máis ou menos directa co seu espazo en liña: dende os encargados de marketing e publicidade (que polo tanto tiveron que renunciar a formatos como flash e apostar por banners en barreiras) até os xestores e os programadores. Con todo, e malia os resultados acadados (á vista en breve), Eugenia Fernández non quixo poñerlle o punto final ao labor de accesibilidade, un labor continuo, afirmou, “no que, como quen di, aínda nos estamos a estrear”.

PUBLICIDADE