Safari 5 incorpora interesantes melloras

martes, 8 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A opción Safari Reader facilita a lectura de artigos na web

Pese a que a estrela do WWDC foi o iPhone 4, Apple estreou outros produtos nas últimas horas, coma unha nova versión do seu navegador web, o Safari 5, que xa está dispoñible para a súa descarga na súa versión en inglés, e que supón unha importante mellora nesta aplicación que agora incorpora extensións, maior soporte de HTML5, o motor de JavaScript Nitro (que mellora a velocidade un 30% con respecto á anterior versión do navegador) e incluso presume de ser máis rápido que Google Chrome 5.0 e Firefox 3.6.
Entre as novidades tamén resulta especialmente rechamante a opción Safari Reader, que consiste na identificación de artigos en blogs e prensa, para extraelos do seu contexto (cheo de publicidade ou de elementos gráficos molestos) e facilitar así a súa lectura. Resulta especialmente rechamante que esta función estrea presente na barra de enderezos do navegador, na que tamén hai unha opción de busca que agora, aparte de Google e Yahoo!, tamén permite configurar ao Bing de Microsoft coma buscador predeterminado.

PUBLICIDADE