Google Chrome prepara funcións de IA xenerativa

martes, 23 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O navegador web de Google, Chrome, prepara unha importante actualización na que integrará a intelixencia artificial xenerativa de distintos xeitos, e que nos vindeiros días poderán probar os usuarios estadounidenses que activen as funcións experimentais na aplicación para PC e Mac.
Unha das funcionalidades en probas é un novo xeito de organizar as pestanas do navegador de xeito intelixente, suxerindo a propia aplicación os grupos a formar en función das pestanas que teñamos abertas.
A aplicación tamén integra un xerador de fondos de escritorio mediante IA que poderá servir para personalizar o noso tema de Google Chrome.
Pero a función máis interesante e práctica é, sen dúbida, a posibilidade de invocar un asistente de escritura en calquera campo de texto que atopemos na web, de xeito que cando haxa que escribir unha mensaxe podemos pedirlle ao asistente que nos xere un texto a xeito de borrador, axilizando considerablemente o proceso de escritura do que desexemos dicir.

PUBLICIDADE