Sae a versión de proba do novo RealPlayer

martes, 26 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A primeiros de mes anunciábase que Real Networks estaba a preparar unha nova versión do seu reprodutor multimedia que pretendería recuperar usuarios incorporando novas prestacións.

SuperPass abre o acceso a contidos exclusivos dende o novo RealPlayer

Hoxe saíu a versión de proba do novo RealPlayer, que aparte de soportar moitos tipos de formatos de audio e vídeo tamén deixará que os seus usuarios podan descargar vídeos de servizos coma YouTube, Brightcove, Comedy Central ou Cnet, o que supoñen que será un atractivo para a instalación deste programa que permite probar durante 14 días o servizo SuperPass, que abre o acceso a vídeos exclusivos, xogos e canles de radio.
Podemos indicar que esta versión de proba parece ter aínda demasiados fallos (detectamos erros sen sentido que mesmo levan a bloquear o seu uso) e o proceso de rexistro podería botar atrás a moitos usuarios que non queren contratar períodos de proba tralos que, de non darse de baixa, realizaranse cargos ás súas tarxetas de crédito. Con estas medidas Real terá moi difícil o recuperar o terreo perdido fronte o Reprodutor Multimedia de Windows, o Quicktime e mesmo o WinAmp.

PUBLICIDADE