Redegal e os empresarios de San Cibrao levan a prevención de riscos laborais ao iPad

venres, 2 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A través da nova edición do boletín (en pdf) da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, vía sectorticgalicia.com, tomámoslle o pulso esta semana ao importante labor despregado polas nosas empresas tecnolóxico-dixitais no camiño de informar, a través de formatos diversos, das metodoloxías de prevención eficaz de riscos laborais. Amais da creación do que sería a primeira enciclopedia dixital e galega sobre seguridade no traballo, a Wiki Preventiva (da que falaremos máis polo miúdo), púxose en marcha, dende a nosa terra, unha aplicación para iPad sobre a devandita temática.
A ferramenta vén da man de Redegal, empresa da que xa temos falado nesta web con motivo da apertura do seu novo centro de operacións en Vigo ou da presentación das súas achegas innovadoras no salón SIMO.
Segundo informa a propia Redegal, a aplicación iCibraoPRL, así se chama, desenvolveuse ombro con ombro coa Asociación de Empresarios de San Cibrao. A súa finalidade, engade a empresa, é “xestionar de xeito rápido e eficaz o mapa de riscos do Polígono, facilitando o seu acceso a través dunha visualización áxil dos elementos potencialmente perigosos das empresas”. Trátase pois dunha aplicación de uso doado, intituitiva, dirixida a dinamizar e facer máis eficaz o labor dos equipos e profesionais de emerxencias no tratamento e labor despregado en calquera incidente.

PUBLICIDADE