María Rivas e Ana Aba Catoira din que cómpre converter a Rede nun espazo seguro para as mulleres

xoves, 25 de abril do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, inaugurou na Facultade de Dereito da UDC a xornada Visibilización, prevención e sanción da violencia de xénero dixital, na que, na compaña da decana Ana Aba Catoira, subliñou que “as plataformas dixitais e as redes sociais, están a converterse en espazos pouco seguros para as mulleres, especialmente para as máis novas onde se atopan con mensaxes e actitudes cuxa única finalidade é menoscabar a súa integridade e benestar exercendo contra elas múltiples tipos de violencia”.
A subdelegada, incidiu en que “esta violencia de xénero dixital non se limita a un ámbito específico, senón que se manifesta en múltiples contextos, incluíndo as relacións de parella, o ámbito laboral, a contorna educativa e as redes sociais”.
Tamén puxo de manifesto que “nun mundo cada vez máis interconectado e dixitalizado, aparecen novas formas de violencia contra as mulleres e as nenas, violencias en Rede que utilizan os medios dixitais, plataformas e redes sociais para estenderse e crear novos modelos, pero seguindo patróns ben antigos: acosar, humillar, coaccionar, controlar, infundir medo”.
Segundo dixo, os datos indican que o máis denunciado é o ciberacoso, seguido do control das comunicacións por parte da parella, o control do uso das redes sociais incluído a esixencia de revelación de contrasinais, seguido polo sexting (envío de imaxes de contido sexual non solicitadas) ou a sextorsión (esixencia de imaxes de índole sexual baixo ameaza, coacción ou extorsión).
Os medios utilizados para exercer esta violencia de xénero dixital foron en primeiro lugar o WhastApp, seguido de Instagram, correo electrónico e Facebook, comentou, ao tempo que fixo un chamamento a todas as institucións e á cidadanía en xeral a “tomar conciencia, a traballar por visibilizar estas violencia, articulando de maneira conxunta e coordinada todos os mecanismos ao noso alcance para apoiar e protexer ás vítimas”.
Os relatorios correron a cargo de Ana Aba Catoira, decana da Facultade de Dereito e vicedecana de Relacións Internacionais, Institucionais e Dixitalización; José Julio Ferández Rodríguez, Catedrático de Dereito Constitucional da USC; e Lorena Casal, profesora de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da USC.
Trala inauguración institucional, tomou a palabra Ana Aba Catoira, profesora de Dereito Constitucional e decana da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, quen abordou as distintas formas de violencia dixital e detallou distintas repostas normativas e xudiciais que existen contra elas. Na súa intervención, abordou os grandes problemas que arrastra a violencia de xénero a través de medios dixitais, que pasan polo descoñecemento deste tipo de violencia, de como identificala, de como autoprotexerse perante ela e da lexislación en xeral sobre a materia. A decana demandou “o deseño e posta en marcha de ferramentas e de protocolos que permitan identificar esta violencia, prever a súa aparición e atender ás vítimas axeitadamente dende o punto de visto psicolóxico, social e xurídico”. Tamén repasou os dereitos e implicacións penais das distintas formas de violencia sexual, como a violación da privacidade, a humillación ou os ataques contra a liberdade de expresión. Respecto a este punto, destacou o avance que implica a recente aprobación da directiva europea que fixa un marco homoxéneo de protección das vítimas de violencia dixital obrigando aos estados membros a sancionar penalmente este tipo de maltrato. Concluíu insistindo na unidade de acción da sociedade como principal vía para erradicar calquera violencia de xénero, en xeral, e a dixital, en particular.
A continuación celebrouse un diálogo entre José Julio Fernández Rodríguez, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago, e Lorena Casal Otero, pedagoga e profesora en Pedagoxía da Universidade de Santiago, Nesta intervención conxunta abordaron como a tecnoloxía actual está a perpetuar a discriminación e os estereotipos machistas. E, en particular, como se fai uso da desinformación con esta finalidade.
Ao igual que a primeira relatora, ambos denunciaron “a falta de estudos sobre a violencia de xénero exercida a través dos medios tecnolóxicos, o que implica que moitas accións de sensibilización e de prevención non estean adaptadas á realidade pola falta de información sobre a mesma”.
Amais, denunciaron o impacto destes discursos na mocidade a través das redes sociais, que actúan como “caixas de resonancia” dos discursos de odio e machistas, contribuíndo á normalización da violencia contra as mulleres e os estereotipos. Concluíron a súa intervención reclamando a inclusión da formación de xénero como unha materia específica nas distintas etapas educativas, tamén na formación universitaria dos mestres e mestras, así como intervencións formativas en empresas e institucións como forma de loitar contra este tipo de discursos.
A xornada estivo organizada pola Unidade contra a violencia sobre as mulleres da Delegación do Goberno en Galicia, desenvolveuse na Facultade de Dereito da UDC e contou coa participación de preto de 80 persoas entre representantes de concellos, centros de información ás mulleres, servizos sociais municipais, e alumnado da facultade.

PUBLICIDADE