PlayStation Now iniciará as súas probas no Reino Unido en primavera

mércores, 18 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O servizo de Sony para reproducir videoxogos en streaming a partires da tecnoloxía adquirida hai máis de dous anos e medio a Gaikai, PlayStation Now, está xa a operar nos EE.UU. como un xeito de acceder a máis dun cento de títulos para PlayStation 3 mediante unha subscrición de 19,99 dólares/mes ou 44,99 dólares/trimestre, e que parecía que tardariamos moito en poder ver no Vello Continente, pero as cousas poderían moverse máis rápido do agardado, e a vindeira primavera esperan iniciar as súas probas no Reino Unido.
Os primeiros británicos que poderán probar PlayStation Now serán os subscritores de PlayStation Plus, par ao que poden inscribirse no proceso de probas que non suporá ningún cargo para eles (en boa medida porque espérase que o proceso non estea carente de incidencias) e máis adiantes analizarán os xeitos nos que ofrecerán comercialmente este servizo que non se limitaría á PlayStation 4, senón que tamén permitiría xogar dende a PS3, a PS Vita e certos televisores conectados Sony Bravia, para o que sería preciso contar só cun mando sen fíos DualShock ¾ e unha conexións de banda larga cunha velocidade mínima de 5 Mbps.
Os videoxogos que estarán dispoñibles durante a beta británica de PlayStation Now son Uncharted 2: Among Thieves, The Last of Us, God of War: Ascension, Rayman Legends, Far Cry 3: Blood Dragon, Saints Row: The Third - The Full Package, Just Cause 2, The Walking Dead e Dirt 3.

PUBLICIDADE