PlayStation Now botará a andar a semana que vén en América do Norte

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Xa hai máis de dous anos e medio da compra de Gaikai por parte de Sony, e por fin se a luz o froito de tal adquisición, e hoxe anuncian que o vindeiro día 13 vai comezar a funcionar oficialmente o servizo PlayStation Now nos EE.UU. e Canadá, que por 19,99 dólares/mes ou 44,99 dólares/trimestre) ofrece a posibilidade de gozar de xeito ilimitado dun catálogo de máis dun cento de xogos de PlayStation 3 a través de streaming, o que é a proposta de Sony para poder xogar a títulos de PS3 na PS4.
Este servizo non só funcionará dende a PlayStation 4, senón que tamén será compatible con outros dispositivos da marca PlayStation máis adiante (incluso haberá televisores que integren esta tecnoloxía), e para poder comprobar esta tecnoloxía os usuarios de PS4 poden instalar a aplicación de PlayStation Now e gozar de 7 días de proba.
Con PlayStation Now podemos gozar de clásicos modernos como os xogos de Uncharted, God of War, BioShock, Batman Arkham... e aínda que polo momento se limite a títulos de xeracións anteriores, non é de desbotar que no futuro se abra a xogos máis modernos como un xeito revolucionario de desligar os xogos das consolas, podendo así gozar dos mesmos en distintas plataformas domésticas e portátiles grazas ás melloras na computación na nube e na banda larga.


Vídeo promocional de PlayStation Now

PUBLICIDADE