Periscope estrea retransmisións de vídeo horizontal

venres, 11 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A aplicación para facer streaming de vídeo dende o móbil que lanzou Twitter hai poucos meses, Periscope, dispoñible tanto para iOS como para Android, presentaba unha importante carencia para moitos usuarios, xa que só gravaba vídeo en vertical, o que buscaba principalmente un agarre seguro e confortable do teléfono durante as retransmisións de vídeo, pero en vista de que moitas emisións se seguían dende dispositivo máis tradicionais (como ordenadores persoais) e que para certos momentos é moito máis interesante contar cunha vista máis ampla, finalmente Periscope conta con vídeo horizontal, de xeito que o usuario pode decidir como prefire achegar ao mundo o que ten diante segundo como coloque o seu dispositivo ao iniciar as emisións.
Pero non é a única novidade que incorpora Periscope, senón que esta solución de streaming, que tamén permite interaccionar cos espectadores, está a incorporar novidades como compartir con contexto (cando unha das persoas que seguimos comparte unha retransmisión poderemos ler o título da emisión e a persoa que a comparte, para axudarnos a coñecer como apareceu tal contido na nosa cronoloxía), mellor accesibilidade (na versión para iOS de Periscope integráronse algunhas das funcións de accesibilidade propias do sistema operativo móbil de Apple, que continuarán a mellorar en seguintes actualizacións) e seguimento mutuo (para facer máis doadas as retransmisións privadas en Android incorpórase a posibilidade de engadir a usuarios que seguimos e que nos seguen, por considerar que o seguimento mutuo indica certo grao de confianza, características que dentro de pouco tamén chegará a iOS).

PUBLICIDADE