Twitter estrea unha aplicacións para retransmitir vídeo en directo dende o iPhone

xoves, 26 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Hai poucos días emerxeu unha aplicación chamada Meerkat que permite a retransmisión de vídeo dende o móbil, para compartir estes streams de vídeo a través de Twitter, conseguindo grande visibilidade, aínda que a festa podería durarlle pouco, xa que hai poucas semanas Twitter adquiriu a startup Periscope, dedicada precisamente ao mesmo, e hoxe mesmo xa ve a luz como aplicación de Twitter na App Store, polo que é de prever que consiga consolidarse como a aplicación de referencia para as transmisións de vídeo en directo apoiado nas redes sociais.
Periscope leva desenvolvéndose durante máis dun ano como unha plataforma que facilite “descubrir o mundo a través de ollos alleos” a través do vídeo en directo, o que permitirá que os seus usuarios poidan compartir cos seus seareiros en Twitter cando atopan unha localización fermosa ou incluso cando están no medio dun acontecemento de grande actualidade (podería converterse nunha ferramenta de grande peso en protestas cidadás). No momento no que comeza unha retransmisión de vídeo comunícase a través de Twitter, para que os seareiros do usuario poidan unirse, podendo nese momento engadir comentarios a través da aplicación e dar corazóns á retransmisión (contribuíndo a que suba na listaxe de emisións más queridas).
Entre as vantaxes de Periscope están a posibilidade de poder facer as transmisións privadas (elixindo quen pode unirse ás mesmas), permite seguir a usuarios dentro da propia aplicación, fai moi doado compartir as retransmisións por Twitter e, como grande diferenza fronte a Meerkat, as transmisións estarán dispoñibles para a súa reprodución con posterioridade para rememorar a experiencia (con corazóns e comentarios incluídos). Estas repeticións durarán 24 horas, aínda que os usuarios poden optar por eliminalas antes.

PUBLICIDADE